Moción sobre a asistencia aos actos relixiosos en representación oficial.
MOCIÓN SOBRE A ASISTENCIA DA CORPORACIÓN EN REPRESENTACIÓN OFICIAL AOS ACTOS RELIXIOSOS
“O artigo 16.3 da Constitución establece que ‘’ningunha confesión terá carácter estatal’’, cuestión que pensamos hai que ter presente na tradición relixiosa asociada en maior ou menor medida a moitas festas locais e patronais de Mos.
Lexitimamente dentro do programa de moitas festas inclúese habitualmente algún tipo de cerimonia relixiosa. Outra cousa ben diferente é o rango que se lle dea en dito acto relixioso ao papel que nel deban xogar os cargos públicos, representantes dunha administración que debe actuar con imparcialidade, aconfesionalidade e sometemento pleno á Lei e ao Dereito.
Non se trata de impedir que os concelleiros que profesen algunha relixión vaian, en virtude ás súas crenzas, a esa cerimonia, senón de que a »Corporación Municipal», como tal, teña presenza nun rito relixioso, e que ademais deba xogar un papel determinado ou acudir con distincións e honras corporativas.
Respectamos que a xente viva as festas con devoción relixiosa, pero consideramos inapropiado que, nun estado aconfesional, se sigan a mesturar as institucións políticas e relixiosas. Non pode obviarse que o ben xurídico que protexen a Constitución e a »Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa» teñen unha vertente positiva (o cidadán terá as crenzas e ideas que estime máis adecuadas sen sufrir presión ou represalia algunha) e unha negativa (non se lle pode impoñer ao cidadán ningunha relixión). Isto implica non obrigar aos que non comparten esas mesmas crenzas a ter que soportar as manifestacións das anteriores de forma permanente nos espazos públicos.
A necesaria “cooperación coa Igrexa Católica y demais confesións”(art. 16.3 CE) non ten nada que ver coa participación dunha Corporación Municipal nun acto relixioso.
Unha cousa é que as administracións respecten as diferentes crenzas dos seus cidadáns e incluso faciliten a súa práctica relixiosa, e outra ben diferente que os representantes do conxunto dos cidadáns (crentes de diferentes confesións, agnósticos e ateos) acaben formando parte dun rito relixioso sen eles desexalo.
É cada vez máis habitual que, coa chegada de diferentes festas no noso concello, os diferentes responsables dos edificios de culto de Redondela coloquen altofalantes cos que poder retransmitir os seus actos relixiosos a todos os veciños e veciñas dos arredores, queiran estes escoitalos ou non. Cremos que con estas actitudes estanse a incumprir algúns dos artigos da Lei Orgánica 7/1980, de 5 de xullo, de Liberdade Relixiosa:
Lei Orgánica 7/1980, de 5 de xullo, de Liberdade Relixiosa.
Artigo Segundo.
Un. A Liberdade Relixiosa e de culto garantida pola Constitución comprende, coa conseguinte inmunidade de coacción, o dereito de toda persoa a:
2b. Practicar os actos de culto e recibir asistencia relixiosa da súa propia confesión; conmemorar as súas festividades; celebrar os seus ritos matrimoniais; recibir sepultura digna, sen discriminación por motivos relixiosos, »e non ser obrigado a practicar actos de culto ou a recibir asistencia relixiosa contraria as súas conviccións persoais».
Artigo Terceiro.
Un. O exercicio dos dereitos derivados da Liberdade Relixiosa e de Culto ten como único límite, »a protección do dereito dos demais ao exercicio das súas liberdades públicas e dereitos fundamentais», así como a salvagarda da seguridade, da saúde e da moralidade pública, elementos constitutivos da orde pública protexido pola Lei no ámbito dunha sociedade democrática.
O Grupo Municipal GañaMos defende a aconfesionalidade do Estado e das súas institucións que recolle a Constitución española, tamén en Mos.
Por iso GañaMos pide a non participación da Corporación de xeito oficial en manifestacións de tipo relixioso.
GañaMos manifesta que ningún dos seus cargos públicos participará en actos relixiosos de xeito oficial. Obviamente, quen desexe acudir a celebracións das súas confesións relixiosas poderá facelo, pero sempre a título individual. Por iso, pedimos ao alcalde e ao resto de concelleiros da corporación que se deciden participar en actos de carácter relixioso, como procesións, misas maiores, ofrendas florais, etc, o fagan a título persoal, e sen ningún signo externo nin protocolario de representación pública do Concello de Mos.
Asemade, GañaMos cree que os corpos e forzas de seguridade do Estado non deberían acudir a actos relixiosos en representación da autoridade pública.
Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal GañaMos propón ao Pleno do Concello de Mos os seguintes acordos:
PRIMEIRO:
O Pleno do Concello de Mos acorda a NON participación da Corporación en manifestacións de tipo relixioso. Igualmente acorda que os actos oficiais organizados polo Concello non terán manifestacións de tipo relixioso.Só en casos excepcionais, e previo acordo da xunta de voceiros, poderá haber representación do Concello en actos relixiosos (defunción dalgunha persoa ilustre, incidentes con vítimas no concello, vítimas da violencia de xénero).
SEGUNDO:
O Pleno do Concello de Mos acorda delegar no concelleiro competente a relación cos representantes da Igrexa no concello de Mos. O resto de Concelleiros, cando participen en cerimonias de tipo relixioso, farano a título individual e en ningún caso na súa condición de autoridade ou representante político.
TERCEIRO:
Cando algunha confesión relixiosa que conte con espazos propios en Mos, inste a colaboración do Concello para un evento relixioso, a participación municipal será garantir a seguridade e limpeza que require habitualmente calquera mobilización ou acontecemento cidadán.
CUARTO:
O Concello, para garantir »a protección do dereito dos demais ao exercicio das súas liberdades públicas e dereitos fundamentais, e non ser obrigado a practicar actos de culto ou a recibir asistencia relixiosa contraria as súas conviccións persoais», non permitirá a difusión, mediante megafonía, de ningún tipo de evento ou cerimonia relixiosa, salvo en casos puntuais (festas patronais ou eventos nos que se sobrepase o aforo dos espazos dedicados ao culto), e sempre respectando os niveis sonoros legalmente estipulados.