Moción para solicitar a Xunta o rescate da Sanidade Pública na nosa área sanitaria.

Posted on Actualizado enn

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os recortes no proxecto inicial do Novo Hospital acentuaron os déficit sanitarios de Vigo que se poderían resumir en:

-A renuncia a un Complexo Hospitalario de referencia estratéxica para o Sur de Galicia, que equilibrase a oferta sanitaria na Comunidade Autónoma. Suprimíronse do proxecto os edificios de Docencia e Investigación (imprescindibles nun Hospital con docencia universitaria); o Servizo de Rehabilitación; as camas de Coidados Mínimos e Intermedios para enfermos con patoloxías crónicas que non precisan de recursos avanzados; e o chamado Hotel de Pacientes para enfermos que viven lonxe, illados ou que teñen problemática social.

– A redución de camas agravará aínda máis a situación asistencial e unhas listas de espera inaceptables: As camas de hospitalización pasaron de 1.450 (1.239 de hospitalización convencional) a 845, ás que habería que engadir 71 camas no Hospital do Meixoeiro (pasaron de 418 a 347) e 52 no Nicolás Pena (baixaron de 120 a 68), co que o recorte final foi de 517 camas, (sen contar outras camas como espertar, hospital de día, Reanimación, camas de observación, etc., que sumarían outras 211). Esta redución de recursos é incomprensible que se aplique nun área cun índice de camas por habitante das máis baixas e unha lista de espera cirúrxica das máis alta de Galicia (99,2 fronte a unha media de 79,8 en decembro do 2015) só superada polos 139,2 do hospital privado POVISA tamén en Vigo.

– Os recortes converteron este centro nunha gran superficie comercial incapaz de satisfacer as necesidades de atención especializada da cidadanía: A redución das dimensións do edificio e a dispersión de servizos asistenciais (Medicina Interna, Endocrinoloxía, Reumatoloxía, Alergoloxía, Xeriatría, Dermatoloxía ou Oftalmoloxía, Laboratorio e Central de Esterilización); os problemas de xestión pola existencia dunha dobre xerencia público e privada; as deficiencias funcionais asociadas á falta de laboratorio, esterilización e demais servizos no centro; os recortes de recursos diagnóstico, servizo de urxencias, camas, equipamento de quirófanos; etc.,

– Creáronse barreiras de acceso para os colectivos sociais máis afastados e con menor poder económico (cada vez máis numerosos): O afastamento do hospital da cidade de Vigo e da súa área metropolitana sen unha alternativa integral para o transporte colectivo, a privatización do parking privado (de elevado custo para os usuarios), unidas ás disfuncionalidades estruturais e organizativas do novo centro afectaron á calidade da atención, xerando colapsos nas urxencias, obrigando a suspender numerosas intervencións cirúrxicas, atrasando as citacións de pacientes, etc., etc..

A estes problemas relacionados coa Atención Hospitalaria habería que engadir outras deficiencias de recursos asistenciais na área:

– Deterioro da Atención Primaria pola mala planificación na asignación territorial dos Centros de Saúde situados nalgúns casos en locais inadecuados como edificios de vivendas e pola paralización o Plan de Mellora de Atención Primaria que contemplaba construír catro novos centros de saúde (O Calvario, Seara, Balaídos e Bouzas) os tres primeiros unicamente pendentes da cesión de terreo municipal para poder comezar a súa construción e o de Bouzas so pendente da súa licitación. Esta situación xera unha importante saturación asistencial dado que máis do 50% dos centros de saúde teñen máis de 35.000 tarxetas sanitarias individuais, mentres que a escaseza no equipamento de recursos diagnósticos e terapéuticos reduce a súa capacidade resolutiva.

– Limitada capacidade resolutiva dos Servizos de Urxencias Extrahospitalarios (PAC) mal equipados. Os PACs de Coia e a Rúa Bolivia carecían de recursos suficientes, o que facía que moitos pacientes acudiran directamente ás urxencias do Novo Hospital.

– Non se garante o dereito á saúde sexual e reprodutiva das mulleres da área: O Centro de Orientación Familiar de Vigo oferta unha atención insuficiente e de baixa calidade como consecuencia dos recortes de persoal e equipamento.

– Colapso do servizo de Rehabilitación que está fraccionado diversos centros. É necesario de ampliar e mellorar a dotación de recursos humanos e materiais deste servizo (entre 15 e 20 novas prazas) incapaz de afrontar a gran demanda de atención (máis de 35.000 pacientes ao ano) o que xera unha lista de espera un 20 % superior á media, sendo a segunda máis elevada da Comunidade.

– A área de Vigo soporta as maiores listas de espera de Galicia pese ao cal a Xunta abandonou o proxecto de construír un Centro de Alta Resolución. A Xunta paralizou a construción dos dous Centros previstos para a área (un en Cangas-Moaña e outro en Vigo no edificio do Hospital Xeral). Estes centros permitirían reducir os tempos de resposta asistencial ao integrar a consultas, probas diagnósticas e cirurxía en base a consultas de acto único que pechan o proceso diagnóstico e o tratamento grazas á coordinación de consultas con especialista, realización de probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas.

A reordenación da área sanitaria debería basearse na integración de todos os recursos asistenciais para evitar a fragmentación e descoordinación entre centros, servizos e niveis asistenciais e na creación de novos recursos para completar unha oferta asistencial racional e axustada ás necesidades e ao volume de poboación.

O peche de centros, as limitacións do novo Hospital e a necesidade de completar a oferta asistencial precisan de novos espazos sanitarios na área. As políticas de axuste orzamentario impostas pola Unión Europea e o Goberno do PP son un obstáculo para realizar novos investimentos en recursos sanitarios.

Para superar este obstáculo financeiro a curto prazo deberíanse utilizar os espazos que quedaron baleiros no antigo Hospital Xeral tralo traslado de recursos ao Novo Hospital Álvaro Cunqueiro. Os denominados Anexos I e II están en bo estado de conservación e foron obxecto de reforma e ampliación hai pouco tempo, polo que non se precisaría un gran investimento para a súa posta en marcha.

Propostas:

1.- Hospital Álvaro Cunqueiro:

  • Reintegrar o Hospital ao Sistema Sanitario Público en base ás irregularidades da Lei de Contratos do Estado e da lexislación europea cobre Colaboración Público Privada
  • Recuperar o proxecto de Hospital de Estratéxico para a área Sur de Galicia, que devolva ao CHUVI os Servizos de Referencia trasladadas ao Complexo Hospitalario de Santiago das seguintes especialidades: Oncoloxía radioterapia, cirurxía torácica,neurocirurxía, cirurxía plástica, cirurxía pediátrica, cardioloxía intervencionista (unidades de hemodinámica) e cirurxía cardíaca e as que se manteñen no hospital privado POVISA como son cirurxía maxilofacial, neurocirurxía, cirurxía da man e unidade de queimados.
  • Creación dunha Comisión integrada por todos os sectores implicados (Xunta de Persoal, responsables dos servizos asistenciais, persoal sanitario, técnicos da Consellería de Sanidade, Comisión de Participación da Área e Concello de Vigo) para avaliar os problemas e deficiencias do edificio, accesos e servizos asistenciais e de apoio e elaborar un Plan de Recuperación do Centro a curto e medio prazo (laboratorio, camas, quirófanos, equipamento tecnolóxico, edificios e servizos) segundo os previsto no Plan Funcional.

2.- Hospital do Meixoeiro

  • Manter o seu funcionamento como hospital xeral programado aínda que sen porta de urxencias, recuperando as camas e recursos recortados.
  • Concentrar a actividade oncolóxica neste hospital aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñible neste centro para atender estas patoloxías, convertendo ao CHUVI en referencia Oncolóxica para o sur de Galicia.
  • Situar neste centro todos os recursos de Cirurxía Programada (Maior Ambulatoria e con Ingreso) da área, aproveitado os seus quirófanos e as camas cirúrxicas (axustándoas segundo necesidades) e mantendo a UCI polivalente.
  • Consolidar a Unidade de Coidados Paliativos (co 100% das camas situadas en habitacións individuais).
  • Esta especialización determina a necesidade de manter unidades de diagnóstico por imaxe e laboratorio.

3.- Destinar a uso sanitario os Anexos I e II do edificio do antigo Hospital Xeral para situar nos mesmos os seguintes servizos asistenciais:

  • Centro de Alta Resolución de Vigo, coas 10-12 especialidades de máis frecuentación da zona e en procesos de acto único. Este recurso é esencial para unha área como Vigo que ten unha das maiores listas de espera cirúrxica, de primeiras consultas con especialistas e procedementos diagnósticos da Comunidade Autónoma. Coa chegada do Núñez Feijoo paralizouse a construción dos dous Centros previstos para a área (un en Cangas-Moaña e outro no edificio do Hospital Xeral). Este centro permitiría reducir os tempos de resposta asistencial ao integrar a consultas, probas diagnósticas e cirurxía. A Alta Resolución baséase en consultas de acto único que pechan o proceso diagnóstico e o tratamento grazas á coordinación de consultas con especialista, realización de probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, si son precisas. Estes centros necesitan espazos para consultas, laboratorio e recursos de diagnóstico por imaxe (Radioloxía, Ecografía, TAC,..), e quirófanos para cirurxía ambulatoria. Os recursos de diagnóstico por imaxe contarían ademais cunha axenda propia para atención ordinaria ambulatoria.
  • Servizo de Urxencias Extrahospitalario que fusione os PAC de Coia e Bolivia, con horario de 24 horas no que se atenderían a maioría de urxencias de Vigo e con acceso aos recursos de diagnóstico por imaxe (Radioloxía, Ecografía, TAC,..) e laboratorio do Centro de Alta resolución e con camas de observación. A actual xerencia deseñou un plan funcional que non é máis que un mero traslado dos PAC de Bolivia e Coia e que non contempla máis dotación que a de radioloxía.
  • Utilización do Bloque Cirúrxico xa existente no Anexo II para a realizar intervencións de Cirurxía Menor e Cirurxía Minimamente Invasiva de baixa complexidade. A Lista de Espera destes procesos, que non computa nas estatísticas oficiais, está próxima aos dous mil pacientes en Vigo.
  • Aproveitar o Bloque de Consultas Externas e os Gabinetes de Exploracións e Probas Funcionais dos anexos do Hospital Xeral para mellorar a accesibilidade da poboación de Vigo a estes servizos e reducir a lista de espera de consultas e probas diagnósticas.
  • Crear un Centro de Atención Primaria nos anexos do H. Xeral que permita trasladar o da rúa Bolivia, redistribuír tarxetas sanitarias dos Servizos de Atención Primaria da Dobrada e rúa Cuba e adscribir as do barrio de San Roque na contorna do Hospital Xeral.
  • Manter o Servizo de Rehabilitación xa existente
  • Trasladar o Centro de Orientación Familiar aos anexos
  • Crear unha Unidade de Saúde Mental que substitúa ás pechadas na Dobrada e Coia.

3.- No Policlínico Cíes situar unha residencia asistida.

4.- Adicar a Atención Primaria os Centros de Especialidades de Dobrada e Coia, tralo seu peche para mellorar o espazo dispoñible no primeiro caso e para desconxestionar López Mora (que está en malas condicións) e Coia no segundo

5.- Crear o Centro de Alta Resolución do Morrazo nos terreos cedidos polo Concello de Cangas.

6.- Denunciar o Concerto Singular de POVISA en base ás irregularidades no contrato, denunciadas xa no seu momento polo Consello de Contas de Galicia e o Valedor do Pobo.

Polo exposto, o grupo municipal GañaMos Asemblea Veciñala solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

Instar á Xunta de Galicia e á Consellería de Sanidade a iniciar un proceso de diálogo coa Xunta de Persoal do SERGAS da Área Sanitaria de Vigo e coa Plataforma SOS Sanidade Pública para poñer en marcha as medidas descritas na exposición de motivos.

Mos a día 12 de maio de 2016

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.