Comunicado: Camiño do Covelo
Nestas datas, a poucas semanas de que se celebren as eleccións autonómicas ó Parlamento de Galicia, vemos a Alcaldesa de Mos “moi preocupada e alporizada” polo “estado de abandono” que di presentan os viais de titularidade provincial situados no Concello de Mos. Unha vez máis, a Sra. Nidia Arévalo entra en campaña electoral, pero non co fin de solucionar os problemas dos/as veciños/as de Mos, como ela mesma se encarga de pregoar, senón co único fin de obter réditos políticos. Se non cómo se entende que a día de hoxe, multitude de viais de titularidade municipal se atopen en total estado de abandono, con fochancas e sen beirarrúas.
Como se soe dicir “para mostra, un botón”: o grupo municipal GañaMos ven demandando dende hai moitos meses, entre outras actuacións, que se melloren varios viais de titularidade municipal, entre eles o vial coñecido como Camiño do Covelo, situado o carón da Urbanización San Eleuterio, na parroquia de Tameiga.
Co motivo dunha subvención outorgada pola Deputación de Pontevedra ao Concello de Mos, hai uns anos se levou a cabo unha mellora substancial do vial denominado “CAMIÑO DO COVELO”, que enlaza a estrada de servizo da autovía A-55 coa Urbanización de San Eleuterio. Como consecuencia de imprevistos na execución, que non estaban contemplados no proxecto inicial e que encareceron a obra, se deixou sen rematar parte dese vial, nuns metros antes de chegar a entrada de dita Urbanización.
Actualmente, o muro de contención achegado á beirarrúa non está rematado, finalizando no medio dunha importante curva desa estrada, e isto a pesares de que tódolos veciños colindantes cederon no seu día os terreos para lle dar continuidade a ese muro ata a entrada da Urbanización. Esta obra inacabada supón, ademais, un perigo tanto para peóns como para condutores, dado que a beirarrúa remata no medio da curva obrigando ós peóns a invadir a estrada pola que circulan os vehículos, xusto despois dun tramo curvo moi pronunciado. O perigo para a seguridade vial increméntase ó estreitarse a estrada xusto no medio deste tramo curvo, coa sorpresa que supón para os condutores que non coñecen o lugar. Ademais, no medio da curva deste vial, no seu día se debuxou un paso de peóns que hoxe en día está totalmente borrado. Este é un lugar moi transitado xa que é a estrada principal que comunica a parroquia de Tameiga coa de Pereiras, e no seu entorno, ademais da citada urbanización (con preto de 2.000 habitantes) tamén se atopan as instalacións do campo de fútbol do Louro e a ludoteca de Cototorrón.
Por todo isto é imperioso non demorar máis esta situación de inseguridade viaria e rematar as obras que no seu día quedaron inacabadas, de xeito que, sen mais demora, se constrúa o tramo de muro que falta por rematar, así como a beirarrúa, seguindo o trazado e o proxecto no seu día aprobado, e que ademais suporía un custe mínimo para este Concello.
Por este motivo, GañaMos presentou varias mocións interesándose polo abandono desta e doutras estradas de titularidade municipal, pero ata o día de hoxe a Sra. Alcaldesa de Mos non tivo a ben tramitalas, entendemos que por estar moi ocupada criticando e interesando ao goberno da Deputación de Pontevedra unha solución para as estradas da súa titularidade.