Comunicado: Desmontando as mentiras da sra. Arévalo (Castro de Torroso)
Dende GañaMos temos que saír ao paso das declaracións feitas por Nidia Arévalo aparecidas na prensa de hoxe. Non poderíamos entender estas mentiras se non coñecéramos o xeito de manipular a información da alcaldesa de Mos, e do seu goberno, dende hai moito tempo.
Chegados a este punto, preguntámonos se é que non saben leer ou é que teñen dificultades para a comprensión dun texto, o da moción presentada polo noso grupo, que leva por título “MOCIÓN PARA DESTINAR UNHA PARTIDA NOS PRESUPOSTOS DE 2017 PARA A COMPRA DAS PARCELAS DO CASTRO DE TORROSO” e no que solicitamos a aprobación dos seguintes acordos:
1- A adquisición progresiva de tódalas parcelas do Castro de Torroso, destinando para iso unha partida orzamentaria nos orzamentos de 2017 e anos vindeiros.
2- O control riguroso dos terreos para evitar posibles deterioros no xacemento e o compromiso decidido do Concello de informar aos propietarios e facer cumprir a Lei de Patrimonio Histórico.
3- A petición urxente de axudas e compromiso da Xunta de Galicia para facerse coa titularidade dos terreos e tratar de incluír novamente o castro de Torroso no mencionado plan (Plan de aproveitamento turístico dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra ).
Como se pode observar, en ningún momento se fala de expropiación senón de compra e diálogo cos propietarios das parcelas.
No pleno do pasado luns puidemos comprobar que Nidia Arévalo declaraba que non contemplaba a nosa moción, cando sabe perfectamente que a titularidade pública das parcelas é o primeiro e ineludible paso para calquera intento de recuperar o castro de Torroso. Se triste nos pareceu a postura do PP, máis lamentable nos parecen as declaracións na prensa de hoxe, na que fala dunha “expropiación” que en ningún momento plantexamos dende GañaMos.
En vez de apostar polo Castro de Torroso, Nidia Arévalo parece querer crear un clima de tensión cos vecinos, falando de expropiacións cando nós propuxemos o diálogo cos propietarios. E máis cando dende GañaMos mantivemos contacto con varios que estaban dispostos a chegar a un acordo cando teñan unha oferta seria por parte do Concello.
Estes propietarios, que saben que non poden facer nada nestas parcelas, incluídas na faixa de protección do xacemento, e nas que incluso teñen que pedir permiso a patrimonio no caso de querer facer unha tala dos eucaliptos existentes para cumprir coa Lei de Patrimonio actualizada polo gobernó de Feijóo en maio de 2016.
Con esta actitude está pechando cada vez máis as portas da posta en valor do xacemento arqueolóxico máis importante do Concello.
Reproducimos o texto integro da nosa moción para disipar calquer dúbida:
MOCIÓN PARA DESTINAR UNHA PARTIDA NOS PRESUPOSTOS DE 2017 PARA A COMPRA DAS PARCELAS DO CASTRO DE TORROSO.
Dende o ano 2013 a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento anunciaron a posta en marcha dun “Plan de posta en valor dos castros da provincia”. Dende entón, as noticias de tódolos medios de comunicación falaban de 16 castros unhas veces, 18 outras e xa en 2015 aseguraban que eran 23 os xacementos os acollidos a este plan. Coma queira que for, dende as primeiras noticias, o castro de Torroso sempre aparecía incluído neste convenio a desenvolver entre as dúas administracións.
Esta noticia foi acollida con ledicia polos veciños de Mos e a sociedade en xeral, xa que que por fin se ía acometer a posta en valor do xacemento arqueolóxico máis importante do Concello e un dos máis representativos para entender os inicios da Idade do Ferro en Galicia.
Pero finalmente, este xacemento quedou fora de dito plan debido a que a titularidade dos terreos do castro segue estando en mans de particulares, sendo isto un condicionante negativo á hora de realizar calquera actuación. O Concello de Mos perdeu deste xeito a oportunidade de conservar e revalorizar o noso castro de referencia, truncando así os soños de moitos mosenses e galegos en xeral, amantes da arqueoloxía e da nosa identidade e singular historia.
Dende o ano 1990 hai un acordo plenario polo cal o Concello se comprometeu naquel momento á tramitar a adquisición dos terreos do castro. Cómpre que a actual corporación aposte decididamente pola compra, permuta ou expropiación de tódalas parcelas nas que se asenta o xacemento e abandonemos dunha vez por todas a idea da cesión por ser esta última improbable, difícil, insegura para o futuro e sobre todo tamén inxusta para os actuais titulares.
Por outra banda, a área excavada do xacemento está sufrindo o deterioro causado pola vexetación e as raíces das árbores máis grandes están a causar o derrube das estructuras que no seu momento non foron convenientemente tapadas, trala denuncia que sufriu o arqueólogo que dirixiu as campañas de excavación xa hai 20 anos. Si, 20 anos dende a última intervención, 20 anos de promesas, 20 anos de desfeita dalgúns elementos que xa son irrecuperables.
Ao mesmo tempo, o estado actual do castro supón un perigo para os visitantes, que siguen acudindo frecuentemente ao castro porque a súa sona e importancia fai que constantemente sexa reseñado en numerosos estudos e publicacións de arqueoloxía. Recentemente comprobamos que estas visitas continúan sendo frecuentes polos propios vecinos e foráneos. Tamén puidemos comprobar que as cuadrículas de excavación , que teñen ás veces 2 metros de fondo, están totalmente ocultas entre os toxos e carecen dun balizamento que evite a posible caída dos visitantes.
Por último tamén é necesario informar debidamente aos propietarios das parcelas das obrigas que teñen á hora de realizar traballos de tala, desbroce ou paso de maquinaria pesada ás súas propiedades. E esta corporación ten a obriga cumprir e facer cumprir a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia a este respecto.
Non podemos deixar pasar outra oportunidade coma esta, na que a Deputación e Fomento van invertir máis de 6,5 millóns de euros. O Concello de Mos non pode permitirse quedar fora deste ou de futuros pláns. Incluso poñendo todo da nosa parte e sobre todo a alcaldesa-presidenta, co seu peso no partido que goberna actualmente a Xunta de Galicia e o Estado Español, pode e debe ter a vontade de axilizar a adquisición dos terreos e tratar de que o castro de Torroso volva a ser incluído no Plan da Deputación e Fomento, xa que este está sendo revisado e está pendente de asinarse un novo protocolo na mes xaneiro de 2017.
Por todo o anteriormente exposto, solicitamos a adopción dos seguintes acordos:
1- A adquisición progresiva de tódalas parcelas do Castro de Torroso, destinando para iso unha partida orzamentaria nos orzamentos de 2017 e anos vindeiros.
2- O control riguroso dos terreos para evitar posibles deterioros no xacemento e o compromiso decidido do Concello de informar aos propietarios e facer cumprir a Lei de Patrimonio Histórico.
3- A petición urxente de axudas e compromiso da Xunta de Galicia para facerse coa titularidade dos terreos e tratar de incluir novamente o castro de Torroso no mencionado plan .