Visitamos con En Marea as instalacións do antigo hospital do Rebullón.
Acompañamos á vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, e á tamén deputada Paula Quinteiro, nunha visita ao edificio do antigo Hospital Psiquiátrico do Rebullón para coñecer a situación das súas instalacións.
O grupo parlamentario En Marea ten rexistrado, a instancias do grupo municipal de GañaMos, unha proposición non de lei na que se solicitaba que a Xunta de Galicia fixera un estudio económico e técnico da situación do centro para poder dedicalo a satisfacer as necesidades sociosanitarias de toda a comarca.
Galicia conta con 1.700 persoas agardando por unha residencia nunha praza pública para maiores, así como amplas necesidades de centros de día nesta comarca e na totalidade de Galicia. En Marea entende que un centro como este, titularidade da Xunta de Galicia, non debería estar desaproveitado e deteriorándose como acontece na actualidade desde que o pasado ano foi baleirado para trasladar ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo as persoas que estaban ingresadas na unidade psiquiátrica do mesmo. As deputadas de En Marea puideron comprobar na súa visita que as instalacións están nunha situación aceptable con algunhas zonas bastante adecuadas para se poder usar con fins sociosanitarios polo que insta ao Goberno galego a facer este estudio para determinar que obras se terían que levar a cabo e a adecuación que sería precisa.
Cabe lembrar que por parte da xerencia co CHUVI no momento de peche deste centro asegurou que sería a sociedade a que decidise a finalidade deste centro polo que a Xunta de Galicia debería cumprir a súa palabra. Con esta finalidade, o grupo parlamentario de En Marea levará ao debate no Parlamento de Galicia esta iniciativa.
As Mareas municipais do sur de Pontevedra pola súa banda tratarán de levar adiante mocións en todos os concellos para que se aprobe por unanimidade en todos eles e entre todas e todos lograr que a Xunta de Galicia cumpra e dea continuidade a este edificio con fins sociosanitarios tan necesarios na comarca.