Pola biodiversidade frente a eucaliptización.

Posted on Actualizado enn

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Co Real Decreto 630/2013 de 2 de agosto entra en vigor o Catálogo Español de Especies Exóticas e Invasoras, co obxecto de reforzar a protección do medio ambiente e a biodiversidade. O problema causado por esas especies foi considerado prioritario dentro da Estratexia da Biodiversidade da Unión Europea para o ano 2020, aprobando o Regulamento 2016/1141 sobre especies exóticas e invasoras.

Dende os anos 60, Galiza, Asturias, norte e centro de Portugal e sur-oeste de Andalucía foron territorios repoboados coa especie exótica eucalipto, para abastecer as fábricas de pasta de papel con esta madeira. O que nun principio pareceu que se trataba de dispor dun número determinado de hectáreas desa especie, co paso do tempo foi incrementándose exponencialmente.

Dende as 130.000 ha do ano 1973, segundo o primeiro inventario forestal do estado (IFN), en 2016 chega a ocupar na Galiza máis de 400.000 ha entre masas puras e mixtas (con outras especies), o que representa practicamente a quinta parte do monte galego. E dicir, os eucaliptais medraron en superficie un 300% en 43 anos.

Dito incremento asóciase a varias causas. A parte das repoboacións voluntarias apoiadas e subvencionadas dende a administración como único cultivo forestal alternativo, destaca o avance descontrolado cara as terras abandonadas por espallamento da semente, agravado polos incendios forestais, cando se dan as mellores condicións de propagación pola velocidade do lume e o lanzamento de muxicas (poden chegar a máis dun km, cos conseguintes riscos para a poboación do entorno). Nos últimos 40 anos, a superficie invadida pola semente de eucalipto só a consecuencia dos lumes forestais estímase en máis de 25.000 ha, aumentando o avance descontrolado desta especie.

Ademais, os eucaliptais convértense en terreos con escasa biodiversidade, debido aos aceites esenciais das follas, que forman ao caer unha capa sobre o chan cunha baixa taxa de descomposición. Por outra banda, as raíces procuran humidade e auga chegando a percorrer máis de 50 m en eucaliptos de 25 m de altura, penetrando en depósitos e mananciais, e creando unha maraña superficial que impide a filtración das augas cara aos acuíferos.

Dende o punto de vista económico, cómpre engadir que moitos dos eucaliptais que pasaron dos tres aproveitamentos (tres cortas), pola perda de rendibilidade para o propietario quedan totalmente descoidados, con proliferación de abrochos de cepa, xerando espazos impenetrables de varas carentes de valor económico que fican nese estado ata que volven ser pasto do lume, incrementado a superficie de áreas degradadas.

Na actualidade, aproximadamente 175.000 ha con eucaliptos están nesta situación. O Plan Forestal de Galiza de 1992, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego para un período de 40 anos, que contemplaba poñer freo ás repoboacións de eucalipto, resultou un auténtico fracaso. Partía das referencias do Inventario Forestal Nacional (IFN) do ano 1986, onde os eucaliptais ocupaban 220.000 ha (a proliferación xa era notoria dende o inventario anterior). Analizando a secuencia evolutiva dos eucaliptais entre masas puras e mixtas na Galiza:

1973: I Inventario Forestal Nacional: 131.800 hectáreas.

1986: II Inventario Forestal Nacional: 220.000 hectáreas.

1998: III Inventario Forestal Nacional: 350.000 hectáreas.

2016: Máis de 400.000 ha.

Evidénciase que no período de control previsto no Plan Forestal de Galiza, só entre 1992 (ano da súa publicación) e 1998, a superficie de eucalipto aumenta en 60.000 hectáreas; é dicir, en seis anos excédense as previsións totais do plan de 40 anos. Asemade, a proliferación do eucalipto ven acompañada de pragas e enfermidades, (algunhas foráneas, que chegaron coa importación de madeira desa especie), insectos como a Phoracantha semipunctata, o Gonipterus scutellatus (gorgullo do eucalipto) e fungos.

Isto leva aos produtores e ás empresas pasteiras a aplicar insecticidas e funxicidas de forma extensiva e intensiva, con grande contestación social por empregar glifosato (de efectos nocivos para a saúde animal) para diminuír a carga do sotobosque, flufenoxurón (co nome comercial de “Cascade”, altamente perigoso) para combater o gorgullo, e a loita biolóxica coa solta de avispillas Anaphens nitens, insecto foráneo. A FAO tense pronunciado sobre as plantacións de eucaliptais novos (12-15 anos), que son os que chegan á quenda de corta ideal das fábricas de pasta de papel. Segundo a FAO, estas especies de medra rápida “non regulan tan ben o caudal hídrico coma os bosques naturais, as fortes e longas raíces superficiais fan que compitan coa vexetación rasante e cos cultivos veciños cando a auga escasea.

Os eucaliptos non dan bos resultados para conter a erosión en condicións de seca, rematan coa vexetación rasante absorbendo a auga coas súas raíces. A tala continuada de eucaliptos a matarrasa (único método de tala utilizado), orixina un rápido esgotamento dos nutrientes do solo e impide o desenvolvemento de prantas-herbas de ciclo anual. Os eucaliptos desprazan os ecosistemas anteriores, apenas se constata a existencia de fauna, e reducen a biodiversidade”.

Se analizamos a aplicación do Convenio Europeo da Paisaxe, Florencia 2000, que entrou en vigor no Estado en 2008, adaptado na Galiza coa Lei 07/2008 de Protección da Paisaxe de Galiza, e a Directiva Europea 2014/52/UE que avalía os proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, sendo de aplicación as repoboacións e intervencións nos montes, pode comprobarse que as administracións responsables fan caso omiso das recomendacións.

É evidente o impacto que as repoboacións con eucaliptos e o seu espallamento tiveron, teñen e terán sobre o territorio galego de non modificarse as condicións actuais, nas que se ignoran os aspectos recollidos nas directivas europeas e na lexislación estatal e autonómica en materia de protección da paisaxe, e que dan como resultado centos de hectáreas continuadas, moitas delas afectadas por pragas, producindo anormalidades ambientais como a diminución dos caudais de pozos e mananciais, solos sen biodiversidade, carencia de fauna, contaminación por tratamentos químicos, etc.

Polo tanto, existen motivacións suficientes para que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño proceda á inclusión do eucalipto como especie exótica e invasora no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado Español, e de non ser así, que o Parlamento do estado español se pronuncie sobre o asunto.

Ademais, proponse a adopción das medidas inmediatas URXENTES que se enumeran a continuación, mentres non se elabore unha nova normativa reguladora que as inclúa na Lei de Montes.

Por todo isto, o Grupo Municipal GañaMos, presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal o seguinte ACORDO:

Primeiro.

– Aprobar a declaración do Concello de Cangas: “Menos eucalipto e máis biodiversidade” nos seguintes termos: Co fin de frear o esgotamento e desertización do solo e a ameaza ecolóxica que a especie exótica do eucalipto supón para os nosos ecosistemas, o Concello de Cangas declárase a prol da biodiversidade, do mantemento, conservación e recuperación sostible da flora e a fauna autóctona da nosa terra.

Segundo.

– Solicitar do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do estado español.

Terceiro.

– Coa inclusión no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras, e tendo en conta o impacto que podería ter tal resolución sobre algúns propietarios de montes, mentres non se elabore unha normativa para regular a superficie ocupada polo eucalipto adoptaranse as seguintes medidas de carácter urxente, mediante normativa vinculante para as comunidades autónomas:

– Paralización de novas plantacións de eucalipto. Eliminación desta especie dos espazos sensibles (os incluídos na Lei de Espazos Naturais e Rede Natura).

– Eliminación do eucalipto nun prazo de cinco anos das terras agrarias ocupadas dende o I Inventario Forestal Español, como primeiro paso na recuperación destes terreos.

– Eliminación desta especie nun radio de 100 m dos mananciais e marxes de regatos e ríos nun prazo de cinco anos.

– Ruptura da continuidade das masas forestais de eucalipto en montes veciñais en man común cada cinco hectáreas, con distancias mínimas de separación entre masas de 100 metros sen esa especie, e en terreos privados particulares cunha separación de 25 metros cada 0,5 hectáreas ocupadas por eucaliptos.

– Separación de 200 metros de calquera ben inmoble, dos pastos e das zonas agrarias.

– Instar ás administracións a que se doten de orzamento destinado a conceder axudas para o cumprimento destas medidas.

Cuarto.

– Trasladar este acordo á Consellaría de Medio Ambiente, á Consellaría de Medio Rural, ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, e ao Parlamento Europeo co obxecto de que esta especie se inclúa tamén dentro do Catálogo Europeo de Especies Exóticas e Invasoras.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .