Perigoso paso de peóns no barrio da Florida
As veciñas e veciños da Florida e arredores levan tempo demandando unha solución á perigosidade do paso de peóns situado na estrada PO-331 Porriño-Gondomar a altura do nº28, diante da parada do autobús e a cen metros do colexio Santo Tomás.
Este paso de peóns rexistra incidentes a cotío creando unha grave situación de inseguridade entre os veciños que o usan para cruzala estrada. Inda que o paso conta coa mínima sinalización que marca a normativa, esta é insuficiente polas circunstancias especificas da estrada nese treito, máxime cando este paso de peóns é bastante frecuentado polos viandantes da zona.
No 2015 a veciñanza da Florida mobilizouse e recabou case 200 asinaturas avalando un escrito que rexistraron na Xunta (9 de xuño de 2015) no que demandaban solucións a dito problema sen que ata o de agora fora satisfeita esta demanda polo goberno galego.
Por todo o anteriormente exposto, solicitamos a Corporación do Concello de Mos que aprobe de urxencia unha moción instando a titular desta estrada, a Xunta de Galicia, a que a maior brevedade acometa as melloras necesarias para reducir a inseguridade vial neste paso de peóns.
Documentos da recollida de asinaturas realizada en 2015 reclamando a Xunta.