MOCIÓN PARA IMPULSAR UNHA VERDADEIRA POLÍTICA DE PROTECCIÓN DOS ANIMAIS
MOCIÓN PARA IMPULSAR UNHA VERDADEIRA POLÍTICA DE PROTECCIÓN DOS ANIMAIS E DA CONVIVENCIA CIDADÁ AO RESPECTO DO PROXECTO DE LEI DE BENESTAR ANIMAL DE GALICIA
O trámite parlamentar do Proxecto de Lei de Benestar Animal de Galicia ten evidenciado, unha vez revisado a proposta de articulado, que a Xunta segue sen concretar como pensar aplicar o texto unha vez aprobado polo Parlamento, así como o artellamento das políticas de apoio económico e técnico aos Concellos que, unha vez máis, como sucedeu na norma de 1993, voltan estar obrigados a despregar un catálogo de competencias para as que non reciben axuda algunha.
A defensa dos animais precisa investimentos, pois só cunha muda profunda da conciencia cidadá se poderán afrontar cambios de importante calado, como a aposta polo sacrificio cero, unha máxima que o goberno da Coruña ten como obxetivo dende a súa entrada en 2015, a elaboración e publicación de campañas e medidas de sensibilización, onde nesta cidade xa se fixeron máis nos últimos dous anos que nas décadas anteriores, ou o soporte aos colectivos e entidades protectoras que só reciben paos por parte da administración autonómica.
Non se esquece dende os colectivos en defensa dos animais que 2010 foi o último ano no que se convocou dende a Xunta unha liña de axudas para entidades que administraran os seus propios refuxios, unha convocatoria que xa era paupérrima (só 60.000€ para toda Galicia) e que suma 7 anos de baleiro ante un lamentable silencio do executivo.
Organizacións como LIBERA! e Fundación Franz Weber veñen realizando de maneira continuada estudos e estatísticas sobre o abandono animal, que non deixa de medrar, ou sobre o custo que supón para os Concellos asumir un problema social e a falta de conciencia dunha, afortunadamente, minoría que prefire deixar ao seu can ou gato á súa sorte nunha estrada, nun monte ou atado ás portas dun Centro de Protección Animal.
A Xunta ten a obriga de apoiar ás administracións que están a asumir a práctica totalidade dunha batalla, o abandono e o maltrato, para a cal non se consignan suficientes recursos nos Orzamentos.
E por iso que propomos:
- Instar á Xunta de Galicia a consignar os recursos orzamentarios necesarios para garantir a aplicación correcta da Lei de Benestar Animal de Galicia, así como o apoio técnico preciso para implementar as súas disposicións.
- Instar á Xunta de Galicia a convocar líñas de axudas para asociacións protectoras e de defensa dos animais coa suficiente consignación económica para apoiar unha labor solidaria fundamental no noso país.
- Instar á Xunta de Galicia a convocar unha Mesa de Diálogo cos municipios para afrontar a aplicabilidade da Lei de Benestar Animal e desenvolver campañas preventivas fronte o abandono e o maltrato cara os animais.