Rexeitamento da Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais.

Posted on

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

1.- A Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, que pretende aprobar o Partido Popular pola vía de urxencia no Parlamento galego, lonxe de ser unha disposición xeral para a planificación e dinamización económica do tecido empresarial e produtivo, reduce garantías nos trámites ambientais, rebaixa  o réxime de protección do patrimonio, mingua a participación da cidadanía e dos concellos nos trámites ambientais e de autorización previa de proxectos e, en resumo, constitúe unha norma flexibilizadora, liberalización e desreguladora das políticas mineiras, enerxéticas e forestais en Galicia en favor dos intereses privados das grandes operadoras do mercado en ditos sectores.

2.- Malia falar de participación social e para acadar a súa aprobación, o Partido Popular utiliza un procedemento parlamentario de urxencia para excluír o trámite de consulta previa e participación  pública  e para limitar o propio debate parlamentario da mesma. O texto preséntase como proposición, e non como proxecto de lei, eludindo dese xeito ditas consultas públicas e informes previos. Ademais, utiliza a vía de urxencia, para reducir á metade os prazos de debate parlamentario e de presentación de emendas.

Mesmamente, as variadas emendas do Grupo parlamentario do PP á súa propia proposición de lei, e que ao mesmo tempo que subsanan erros maiúsculos do texto orixinal, incrementan a liberalización e desregulación do sectores económicos.

3.- Baixo a fraudulenta motivación de fomentar a dinamización e a competividade da economía galega e o fomento de iniciativas empresariais, o que se introducen atrás son cambios transcendentais na normativa xeral dos sectores mineiro, eólico e forestal, nunha disposición normativa que convértese dese xeito nun “totum revolotum” que evidencia a falla de planificación, mesmo normativa, do goberno galego en ditos sectores. Sectores todos eles de grande impacto ambiental, paisaxístico  e na ordenación do territorio, e nos que estamos lonxe de acadar un modelo de desenvolvemento sustentable baseado en criterios económicos, sociais e ambientais. Moito mais cando, como é o caso, os niveis de protección e de ordenación ambiental do noso territorio están ben alonxados do que o País precisaría (como é o caso da Rede Natura e outras figuras de protección ambiental).

A expansión dun modelo forestal baseado na liberalización e amparo dos monocultivos madeireiros e de biomasa que incrementa o risco de incendio, a proliferación de proxectos devastadores de minería  así como de instalacións de xeración e distribución eléctrica  vinculadas a expropiacións exprés son consecuencias esperables da lei que se pretende impulsar.

Do mesmo xeito, e mentres se liberalizan trámites para o aproveitamento eléctrico (integración das fases de proxectos sectorial e autorizacións administrativa previa e de construción), non so renúnciase e aprázase sine die a revisión do Plan Sectorial eólico de Galiza senón que  as áreas de reserva e as áreas de conservación, así como as súas franxas paralelas, pasan a ser consideradas áreas de desenvolvemento eólico. A ampliación do ámbito territorial do plan sectorial pola porta de atrás.

4.- A Proposición de Lei representa un agravio comparativo e un tratamento desigual, favorecedor das grandes empresas e operadoras nos mercados, en detrimento da pequena e mediana empresa e do propio tecido de economía social. Mentres que o obxectivo é abrir o camiño dos grandes beneficios ás empresas do oligopolio eléctrico, as corporacións mineiras e ao lobby forestal, as iniciativas locais, de pequenas e medianas empresas, así como as diversas formas de economía social (nomeadamente as  cooperativas) radicadas no territorio, creadores de máis emprego e con maior e mais diversificado  impacto social, atopan a diario todo tipo de atrancos administrativos, limitación ou insuficiencia de axudas,  e serán damnificadas pola declaración de utilidade pública dos grandes proxectos e a propia liberalización e flexibilización de trámites de todo tipo que levan asociadas.

5.- Facilita os procesos de expropiación forzosa e reduce a autonomía municipal ao facer máis sinxela consideración de determinados proxectos industriais como estratéxicos, con menor control urbanístico, declaración de utilidade pública, e de incidencia supra-municipal.  O artigo 16 da norma reduce de 50 a 20 millóns de euros o volume de investimento mínimo necesario para que un proxecto sexa declarado estratéxico, e de 250 a 100 os postos de traballo directos creados, ou que simplemente precisen dunha especial necesidade de solo, non dispoñible coa oferta existente. Reduce tamén os prazos de consulta aos concellos, dificultando aínda máis o traballo de técnicos municipais que sofren as consecuencias dunha plantilla forzadamente mermada polas disposicións do goberno do Estado.

Ameaza o patrimonio cultural dos nosos montes; fai prevalecer o aproveitamento industrial fronte aos tradicionais e comunitarios; permite a corta xeneralizada onde antes precisaba permiso; e suprime a necesaria autorización de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros en zonas protexidas e reducindo de facto os niveis de garantías de protección ambiental das zonas e espazos  protexidos, inclusive os da Rede Natura.

E a previsión dunha única nova planta de compostaxe (fracción orgánica dos residuos urbanos) pon de manifesto a renuncia fáctica ás propias previsións ao respecto no vixente e actualizado Plan de Residuos de Galicia.

6.- O novo réxime relativo á xestión, mantemento e conservación das áreas empresariais supón, en primeiro lugar, un desapoderamento de competencias municipais na materia, ao limitar e condicionar as potestades do planeamento respecto das entidades urbanísticas de conservación e, en segundo lugar, e como efecto derivado, a traslación á facenda municipal de custos de mantemento de ditas áreas.

7.- Do mesmo xeito, e contrariamente ao nivel de detalle do resto da proposición de lei, a previsión de mecanismo de mellora do financiamento daqueles concellos que incorporen medidas de apoio á implantación de iniciativas empresariais, queda nun simple enunciado e na maior das indefinicións, sen mais concreción que a súa remisión ás leis de orzamentos.

8.- En resumo, a iniciativa lexislativa da Xunta de Galicia e do Partido Popular aposta por un modelo extractivo de escaso valor engadido e despreza un modelo económico social e natural sustentable. O espolio dos nosos bens naturais común é o espolio do noso futuro. O sacrificio de garantías ambientais e dereitos sociais  é unha hipoteca para as vindeiras xeracións.

Apostamos por un modelo económico sustentable, democrático e que protexa o noso medio ambiente e patrimonio para o futuro. Apostamos por actividades que xeren máis valor engadido, máis emprego e de máis calidade.

Non queremos máis beneficios para uns poucos a costa de que os demais soportemos as súas consecuencias ambientais e económicas, e opoñémonos a que se nos negue a participación na toma de decisións que nos afectan como cidadanía. E como administración local opoñémonos ao desapoderamento,  limitación ou degradación das nosas competencias na ordenación das áreas empresariais e nos trámites de autorización ou avaliación ambientais.

Por todas estas razóns o  Pleno do Concello de  Mós

ACORDA:

PRIMEIRO.- Demandar do Parlamento galego a retirada ou, subsidiariamente, a non aprobación da Proposición de Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, por ser contraria aos principios de sostibilidade e protección do medio ambiente, da paisaxe e do patrimonio cultural, por alentar un modelo social desigual e inxusto, e por limitar o dereito das administracións locais e da cidadanía para participar na toma de decisións sobre proxectos empresariais de especial transcendencia económica e social.

SEGUNDO.- Instar á Xunta de Galicia a planificar, programar e executar alternativas políticas e económicas sustentables que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais de Galiza, xeren rendas ecolóxicas e sociais, e que impulsen iniciativas económicas locais creadoras de emprego de calidade.

TERCEIRO.- Dar traslado do presente acordo ao Parlamento de Galicia, Grupos Parlamentares, así como á Xunta de Galicia.

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.