Moción para o coidado dos nosos Montes
É evidente que en Galicia temos un problema estrutural de organización e xestión dos nosos montes. Isto está a manifestalo a cidadanía, por exemplo, a través de organizacións como ADEGA (a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), que coa súa campaña “Cousa de Raíces” pretende levar ao Parlamento Galego a Iniciativa Lexislativa Popular para a Defensa do Bosque Autóctono. Esta ILP propón recuperar especies autóctonas e frear a eucaliptización do noso monte. Preto de 50 entidades, empresas, colectivos culturais, asociacións ecoloxistas e investigadores sumáronse xa a esta causa, que continúa recollendo apoios. Isto é só un exemplo de como se fai escoitar a sociedade galega, pero unha vez máis o goberno do Partido Popular non parece estar á altura da iniciativa do seu pobo.
No ámbito municipal, tamén vemos como se moven Concellos como o de Corcubión, que aprobou unha moción coa que se compromete a retirar todos os eucaliptos que se atopen en chan municipal, así como a revisar que os particulares cumpran a Lei de Montes de Galicia. En Ames estase a poñer en marcha un programa de substitución de árbores considerados inflamables por outros como frutais, que ademais permitirían aos propietarios obter un beneficio diferente ao madereiro. Tamén en Concellos como O Grove ou o lucense Folgoso do Courel déronse pasos neste sentido.
Un caso con especial repercusión actualmente é o do Concello de Teo, que aprobou unha moción contra o cultivo do eucalipto e reclamou que fora recoñecido como especie invasora. Esta acción motivou que o Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre, que asesora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente, recomendara recentemente a inclusión do eucalipto no Catálogo Estatal de Especies Exóticas e Invasoras, ademais de propoñer a súa erradicación. A pesares de que o Ministerio se amosase contrario á recomendación e desprézase o asesoramento dos seus propios expertos, este é, sobre todo, un exemplo do que se pode conseguir dende a política municipal.
O Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre expón, concretamente, o seguinte: “Recoméndase extremar a precaución con novas introducións e plantacións, un seguemento local e levar a cabo medidas de erradicación antes de que se produza a invasión sempre que se observe naturalización de calquera especie de Eucalyptus no noso territorio”.
Doutra banda, tamén coñecemos estes días que a Consellería de Medio Rural de Galicia forzará aos propietarios a talar 290 hectáreas de plantacións consideradas ilegais por non respectar a distancia de seguridade coas estradas. Esta medida aprobouse o ano pasado de forma experimental en A Coruña e, visto o seu resultado, levarase a cabo agora en toda Galicia.
Así é todo, dende o noso Concello segue sen facerse nada, a pesar de o pasado mes de outubro o noso Concello estivo preto do desastre forestal, especialmente nos montes de Louredo e Mos. Neste Concello temos a sorte de que gran parte do terreo é das Comunidades de Montes, é dicir, que gran parte do monte é das veciñas e os veciños. Estase coidando que se cumpra a Lei de Montes en Mos? Por que o Concello non traballa para articular un plan de actuación coa súa veciñanza? Por que non se lle esixen á Xunta recursos para abordar todas estas cuestións? En definitiva: hai algunha intención ou iniciativa do goberno por manter e coidar o noso monte? Temos que esixir respostas claras a estas preguntas se queremos avanzar cara un monte limpo, autóctono e que minimice os riscos en caso de incendio.
Por todo o exposto, dende GañaMos Asamblea Veciñal instamos ao goberno municipal a que leve a cabo as seguintes actuacións atendendo ás súas competencias:
- Coidar que propietarios de terreo forestal cumpran coa Lei de Montes de Galicia, especialmente no referente a distancias de seguridade das plantacións.
- Elaborar un Plan de Prevención Municipal contra incendios que actualmente é inexistente.
- Dada a gran extensión de terreo forestal que manexan as diferentes Comunidades de Montes do noso Concello, articular plans de actuación coas mesmas para incentivar a plantación de especies frondosas autóctonas, así como limitar e organizar axeitadamente a poboación de eucaliptos no noso Concello, recoñecendo que esta especie conforma unha vía de ingresos importante para moitos particulares, pero tamén que supón un risco para todos nunha zona na que xa se teñen vivido varios incendios importantes nos últimos anos.
- Esixir á Xunta de Galicia medios e recursos que aseguren a posta en marcha das accións pertinentes cara a consecución destes puntos.