Cando vai presentar o PP o novo Plan de Axuste Económico?
Xa non é ningunha sorpresa que na orde do día de calquera pleno de Mos figure un Expediente de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito. O pleno ordinario de xuño non ía ser menos e no seu orde do día xa luce o Expediente nº 2018/58, por un importe de 160.548,41 Euros.
Antes de nada debemos empezar por definir en que consiste o Recoñecemento Extraxudicial de Créditos. As facturas de gastos executados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de cada ano deben ser aceptadas e pagarse nese mesmo ano. Se non existe crédito (cartos) suficientes para pagalas, non poden recoñecerse nin, polo tanto, pagarse. Só ó Pleno Municipal pode ampliar o límite do Orzamento de Gastos -porque é o Pleno o competente para aprobar o Orzamento- e permitir que se paguen fora de sede xudicial esas facturas, sen ter que obrigar ós provedores a acudir ós Tribunais a reclamar o seu dereito a cobralas.
Polo tanto, o Recoñecemento Extraxudicial de Créditos consiste en que o Pleno recoñeza fora do ámbito xudicial a obriga de pagar esas facturas para que os provedores non teñan que acudir a un Xulgado para reclamar o seu dereito e en que amplíe o límite do Orzamento de Gastos, na cantidade necesaria para cubrir as facturas que están sometidas a ese procedemento e que non contan con partida orzamentaria. Como xa se pode entrever, un recoñecemento extraxudicial de créditos, que carece de partida orzamentaria de gasto aprobada, supón un incremente da débeda
Que a metade de ano xa perdéramos a conta da cantidade de Expedientes de Recoñecemento de Crédito presentados deixa patente a improvisación e desorganización na xestión económica do Goberno Municipal de Mos.
O Goberno do Partido Popular é incapaz de organizar nun só expediente os pagos de todas estas facturas do ano 2017 que quedaron sen pagar. O Goberno do Partido Popular é acosado diariamente polos provedores e acredores que ameazan con cortar o abastecemento ou demandar ao Concello ante os reiterados impagos e a alta morosidade.
Que a metade de ano xa pasáramos do millón de euros no importe resultante da suma de todos os expedientes da a medida do desastre económico ó que nos levou a irresponsable xestión da Sra. Arévalo e o seu Goberno.
Non nos podemos esquecer que a maiores hai outro millón de euros en facturas sen pagar do ano 2017 que, ante a imposibilidade de abordar o seu pago neste ano 2018, se pospón o seu pago para o ano 2019. Isto require legalmente dun novo Plan de Axuste Económico. Polo que sabemos o Partido Popular anunciou hai dous meses a presentación urxente deste obrigado Plan de Axuste pero a día de hoxe non temos noticia algunha de que se levara a cabo.
É imprescindible a presentación, e posterior cumprimento, deste novo Plan de Axuste para poder evitar a situación -da que xa alertou a Tesoureira- na que se chegue a non poder pagar nin tan sequera as nóminas das e dos traballadores municipais.
A irresponsable xestión económica do Goberno de Arévalo vai ter un alto custe, e por desgraza non o vai a pagar ela nin o seu partido. O están pagando as empresas que non cobran, ou cobran con moito atraso, o cal repercute nos seus balances e no peto dos seus traballadores. E finalmente tamén o imos pagar todos/as os/as veciños/as de Mos cando nos impoñan un plan de axuste no que os impostos se multipliquen e as prestacións e servizos municipais se recorten drasticamente.
Pero saben cal é a peor noticia de todas? que aínda teremos que sufrir un ano máis esta nefasta xestión.