GañaMós proposta a proposta

Posted on Actualizado enn

Catalina Coya Soliño

Membra de GañaMós Asemblea Veciñal

Non é a primeira vez que maliciosamente lle colgan a GañaMós o sambenito de ser un partido que só critica ao Goberno Municipal. Certo é a labor de fiscalización e crítica construtiva que desenvolvemos contra o goberno municipal do Partido Popular. Pero tamén é certo que a Sra. Arévalo e compañía non fan nada a dereitas, e aínda por riba levan a Mos ao desastre económico.

En honor á verdade hai que dicir que, ademais de desempeñar a nosa principal función como oposición, no que levamos desta lexislatura son moitas e diversas as nosas propostas para axudar as veciñas e veciños de Mos a ter unha mellor calidade de vida. Ademais, non nos limitamos a que estas propostas se quedaran só en bonitos titulares, senón que traballamos para que foran escoitadas no organismo competente e realmente se apliquen e redunden en beneficio da veciñanza; xa que non nos contentamos con que sexan aprobadas formalmente e rematen cohabitando no caixón da Sra. Arevalo xunto cas centos de facturas impagadas e demais ordenanzas sen cumprir.

Unha das nosas propostas máis emblemática foi a de aproveitar as antigas instalacións do Hospital Rebullón para facer un Centro de día que atendera as necesidades sociosanitarias dos noso maiores. A nosa proposta foi aprobada no Pleno de Mos e cando o Goberno Local quixo enterrala no fondo do seu caixón, entregámoslle a proposta por escrito ao Concelleiro de Sanidade e a levamos ao Parlamento Galego coa axuda da deputada Eva Solla de En Marea. Todo foi inútil; está claro que o Partido Popular ten a intención de pór todo este patrimonio público en mans privadas.

A nosa proposta, que máis eco tivo na prensa e que máis apoio recabou na nosa comarca, foi a de liberar a peaxe do treito Vigo – Porriño da autoestrada AP-9 como solución alternativa ao trazado da autovía A-55. Aínda que o Partido Popular rexeitou a nosa proposta no Pleno de Mos, grazas ao traballo conxunto coa deputada Alexandra Fernández acadamos que o Congreso dos Deputados/as en Madrid aprobara a nosa proposta. Posteriormente o Goberno Central do Partido Popular bloqueou o mandato do Parlamento, pero estaremos atentas a que o novo goberno inclúa unha partida nos Orzamentos de 2019 para que a nosa proposta sexa realidade.

Outra proposta nosa que tamén conseguimos que fora aprobada no Congreso dos Deputados/as foi a remodelación do cruce da saída da autoestrada AP-9 cos accesos a autovía A-55 no alto de Puxeiros. Unha proposta que aínda que foi aprobada no Pleno de Mos, o Goberno da Sra. Arévalo pretendeu agochala no seu caixón para non ofender aos seus xefes de partido responsables de Fomento. Cando destapamos a súa manobra comezaron a dicir que esa rotonda era problema de Vigo e non de Mos. Cando viron que a veciñanza non tragaba con semellante escusa, cambiaron de discurso, esta vez dicindo que a Sra. Arévalo xa levaba tempo con contactos a “altísimo nivel” co Ministerio de Fomento para solucionar dito cruce. Coas obras da autovía A-55 quedou claro que eses contactos a “altísimo nivel” non eran máis que fume. Menos mal que cambiou o Goberno Estatal e parece que estas obras empezan a avanzar de verdade.

Tamén fixemos propostas en defensa dos dereitos dos animais, de feito grazas a unha moción nosa declarouse no Pleno Municipal que Mos fora un Concello libre de escravitude animal. Son dignos de ovación toda a labor desenvolvida pola nosa Concelleira Aurora Giráldez para o control e coidado dos animais libres.

Non nos esquecemos do medio ambiente nas nosas propostas. Despois dunha dura batalla co Goberno Local conseguimos que se prohibira o uso de pesticidas e herbicidas que conteñen glifosatos (un auténtico veleno). O PP non quixo de inicio aprobar a nosa moción alegando que en Mos non se utilizaba este composto canceríxeno, aínda que tivo que recúar cando demostramos que no almacén municipal se amoroaban bidóns de glifosato.

Varias propostas nosas para a deseucaliptizacion e o coidado dos nosos montes foron ao Pleno de Mos, pero sempre remataron desatendidas. Mesmo cando reclamamos que se dotara dun Plan de Prevención Municipal contra incendios, recoñeceron que careciamos del, pero con prepotencia dixeron que non era necesario.

Incrible foi ver como se lle atragantaban a Sra. Arévalo e compañía todas as nosas propostas a favor do feminismo. Vetaron case todo o que propuxemos para que nin sequera fora debatido no Pleno de Mos. Logo cando millóns de mulleres saíron a rúa a reivindicar os nosos dereitos, á Sra. Arévalo se lle deu por facer o paripé no seu despacho con algunha das súas acólitas en presencia da prensa. O único que si apoiaron foi a adhesión do Concello de Mos a Guía de linguaxe inclusiva elaborada pola Deputación de Pontevedra. O derradeiro que sabemos desta guía é que durme nalgún caixón do Concello.

Nós seguimos facendo o camiño do feminismo a base de propostas da man de mulleres tan preclaras como a compañeira Paula Quinteiro, deputada nacional, e Ángela Rodríguez, deputada estatal. 

Unha das propostas na que confiabamos en chegar a acadar que o Goberno da Sra. Arévalo se movera foi a de recuperar e pór en valor o Castro de Torroso. Todos os nosos esforzos foron en van, e isto a pesares de que a Sra. Arévalo se encheu de facer fotos e titulares na campaña electoral dicindo que ía recuperar este xacemento arqueolóxico. O certo é que non queren ver nin en pintura este legado das nosas antergas.

Múltiples foron as nosas propostas para arranxar camiños, adecentar rúas, reparar fontes, arranxar pistas deportivas ou sinalizar pasos de peóns perigosos. A maioría aínda agardan que o Partido Popular teña a ben solucionalos.

A variedade na temática das propostas tamén é indudable: a gratuidade dos estudos da ESO para adultos; a creación dun mercado veciñal de horta ou mesmo a creación dun viveiro de empresas. Esta última proposta parece que si lle gustou ao Partido Popular e parece que a esta levando a cabo. Aínda non entonamos un aleluia porque con estes nunca se sabe.

A última proposta que fixemos, e que ademais contou co respaldo do Psoe e do PP, foi a de instar a Fomento a facer un enlace que una a autoestrada AP-9 ó polígono industrial de Monte Faquiña para reducir o tráfico pesado que atravesa as zonas urbanas residenciais de Puxeiros e Peinador. !Estate tranquilo caixón de Arévalo que esta non é para ti!. !Xa nos encargamos nós de que este asunto avance na comisión do Congreso dos Deputados en Madrid!.

Sen dúbida de aquí ata que remate a lexislatura seguiremos propondo todo aquilo que redunde no beneficio da veciñanza e traballando para eludir o caixón do esquecemento da Sra. Arévalo, co fin de poder levalo a cabo.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.