Moción conxunta contra o pelotazo urbanístico
MOCIÓN DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN DO CONCELLO DE MOS:
PSOE, GAÑAMOS E BNG EN RELACIÓN Á MODIFICACIÓN PUNTUAL Nº 1 DO PXOM DE MOS, PARA A DELIMITACIÓN DUN SECTOR DO SOLO URBANIZABLE DE USOS DOTACIONAIS E TERCIARIOS, PROMOVIDA A INSTANCIA DE REAL CLUB CELTA DE VIGO, SAD
1º.- O Concello de Mos dispón dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado definitivamente o día 18/1/2017 pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación de Territorio.
2º.- Un ano despois, o día 17/1/2018 o Concello de Mos presentou diante da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación de Territorio da Xunta de Galiza os documentos para iniciar a avaliación ambiental estratéxica ordinaria da Modificación Puntual nº 1 (en adiante MP) do PXOM de Mos, para a delimitación dun sector de solo urbanizable de usos dotacionais e terciarios privados, a instancia do Real Club Celta de Vigo, S.A.D. O día 16/5/2018 a devandita Consellería emitiu o Documento de Alcance da avaliación ambiental estratéxica da Modificación Puntual nº 1 do PXOM de Mos, do que son de resaltar os seguintes extremos:
2.1.- O uso principal dos terreos afectados pola MP é o FORESTAL, estando ocupados por masas mixtas de eucalipto e piñeiro e presenza puntual de frondosas (carballos, castiñeiros ….).
2.2.- A práctica totalidade da superficie afectada pola MP está clasificada no PXOM vixente como SOLO RÚSTICO, na súa meirande parte de PROTECCIÓN FORESTAL (montes veciñais en man común de Tameiga e Pereiras).
2.3.- Existen numerosas CAPTACIÓNS PARA ABASTECEMENTO DE AUGA emprazadas no interior do ámbito da MP, así como na súa contorna próxima.
2.4.- O proxecto da MP contempla a creación dunha GRAN ÁREA COMERCIAL que, segundo o borrador presentado polo Concello de Mos, é necesaria para “garantila viabilidade económica da área dotacional deportiva”.
2.5.- Pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo se esixe que “dado que o obxectivo da MP é a implantación de usos e dotacións privadas CÓMPRE XUSTIFICAR AXEITADAMENTE A ELECCIÓN DA EXPROPIACIÓN como sistema de actuación”.
2.6.- Pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil se informa que “a proposta afectaría directamente ao rego Porteliña e a distintas captacións de auga para abastecemento subterráneas”, debendo “incluír no expediente de desenvolvemento urbanístico un estudo hidrolóixo-hidráulico”.
2.7.- Así pois, en canto a “Ocupación do solo” no documento de alcance se resalta que “CÓMPRE LEMBRAR QUE OS MONTES VECIÑAIS en mano común son bens indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembagables que SÓ PODEN SER OBXECTO DE EXPROPIACIÓN FORZOSA POR CAUSA DE UTILIDADE PÚBLICA OU INTERESE SOCIAL PREVALENTE ÁS DO PROPIO MONTE”.
2.8.- Finalmente en canto a “Dispoñibilidade dos recursos hídricos” no documento de alcance se resalta tamén que “Cómpre lembrar que o informe da Administración Hidrolóxica sobre a existencia de recursos hídricos necesarios para satisfacer as novas demandas será determinante para o contido da declaración ambiental estratéxica”.
3º.- Nas Xuntas Xerais das Comunidades de Usuarios de auga de Casal-Tameiga, Monte Baxiña, Sanguiñeda e Petelos-Tameiga, que se celebraron no mes de xuño de 2018, aprobouse o rexeitamento ao proxecto de Real Club Celta, S.A.D
4º.- O día 7/10/2018 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga, en cuxo monte veciñal se pretende a instalación da gran área comercial, celebrou unha asemblea xeral extraordinaria, para tratar en exclusiva o punto concreto da devandita área comercial, que foi rexeitada por unha abafadora maioría dos comuneiros asistentes e representados (247 comuneiros dos 253 asistentes).
Polo que, sendo a Comunidade de montes de Tameiga a dona dos terreos onde se pretende implantar a gran área comercial que refire a Modificación Puntual nº 1 do PXOM de Mos, para levala á práctica non queda outra vía que o Concello de Mos proceda a súa expropiación, a fin de que o beneficiario da mesma –Real Club Celta de Vigo, S.A.D- poida facerse dono dos terreos afectados do monte veciñal en man común de Tameiga.
5º.- A Señora Alcaldesa do Concello de Mos, Dona Nidia Arévalo Gómez, manifestou nunha entrevista publicada no Faro de Vigo do 18/11/2018 que: <<la expropiación forzosa no es una herramienta válida para mí>> en relación ao proxecto do Celta no monte veciñal de Tameiga.
Por todo o anteriormente exposto, propoñemos ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte ACORDO:
1º.- Retirar a Modificación Puntual nº 1 do PXOM de Mos, para a delimitación dun sector de solo urbanizable de usos dotacionais e terciarios privados, promovida a instancia do Real Club Celta de Vigo, S.A.D.
2º.- Subsidiariamente, aclarar que, dado o rexeitamento da CMVMC de Tameiga respecto do Proxecto do Celta no seu monte veciñal en man común, o Concello de Mos non incoará nin tramitará, baixo ningún concepto e circunstancia, a expropiación dese monte veciñal en man común de Tameiga, para que o beneficiario da mesma poida facerse dono do mesmo.