POR UN CONCELLO LIBRE DO TRÁFICO DE MULLERES E NENAS
MOCIÓN PARA SUMARSE Á REDE DE CIDADES LIBRES DO TRÁFICO DE MULLERES, NENAS E NENOS DESTINADOS Á PROSTITUCIÓN.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
España sitúase no mapa coma un país de tránsito e destino da trata de mulleres, de feito, e segundo datos da ONU, somos o terceiro país do mundo en consumo de prostitución, por detrás de Tailandia e Porto Rico. Ademais, Galicia, configúrase como a quinta comunidade do estado cun maior número de prostíbulos.
Analizando a nosa contorna, podemos observar como en Mos e nos arredores atopamos unha gran cantidade de prostíbulos sen que isto chame atención da veciñanza, e sen que dende o goberno local se impulse ningunha medida para o abordaxe deste fenómeno. A prostitución é unha cuestión moi normalizada socialmente, e de feito, é no Concello de Mos onde esta instalado un dos prostíbulos con mais sona da comarca, a famosa T4.
É rechamante polo tanto, que nun concello coma o noso (que apenas supera os 15.000 habitantes) e nos concellos limítrofes (cunha poboación similar agás o Concello de Vigo) proliferen deste xeito os prostíbulos. No estado Español aínda que o proxenetismo esta penado, a prostitución atópase nunha situación de alegalidade; isto e, nin e un delito nin está regulada como “actividade profesional”.
A prostitución é unha forma de explotación que debe ser abolida e non unha profesión que hai que regulamentar porque é unha forma de violencia de xénero extrema: «o que as mulleres prostituídas e homes teñen que soportar equivale ao que noutros contextos correspondería á definición aceptada de abuso sexual e violación reiterada. O feito de que se pague unha cantidade de diñeiro pode transformar ese abuso nun «emprego», ao que se lle quere dar o nome de “traballo sexual”?
Regular a prostitución lexitima implicitamente as relacións patriarcais: equivale a aceptar un modelo de relacións asimétricas entre homes e mulleres, establecer e organizar un sistema de subordinación e dominación das mulleres, anulando o labor de varios decenios para mellorar a loita pola igualdade das mulleres.
Ao lexitimala convértese nun soporte do control patriarcal e de suxeición sexual das mulleres, cun efecto negativo non soamente sobre as mulleres e as nenas que están na prostitución, senón sobre o conxunto das mulleres como grupo, xa que a prostitución confirma e consolida as definicións patriarcais das mulleres, cuxa función sería a de estar ao servizo sexual dos homes.
Se regulamentamos a prostitución, integrándoa na economía de mercado, estamos a dicir que isto é unha alternativa aceptable para as mulleres e, por tanto, se é aceptable, non é necesario remover as causas, nin as condicións sociais que posibilitan e determinan ás mulleres para ser prostituídas. A través deste proceso, refórzase a normalización da prostitución como unha «opción para as pobres».
Se convertemos esta violencia nunha profesión como outra calquera para as mulleres. Como poderemos educar para a igualdade nunha sociedade onde as nenas saberán que o seu futuro pode ser prostitutas, vendo a outras exhibirse en escaparates ao estilo do barrio vermello de Holanda, e os mozos saberán que pode usalas para o seu goce sexual se teñen o suficiente diñeiro para pagar por iso?
Nunha sociedade que regule a prostitución estamos socializando a nenos e nenas en valores claramente diferenciados: Aos nenos, en que eles como homes, van poder comprar, pagar por usar, o corpo, a atención, o tempo… das mulleres. E ás nenas, en que elas como mulleres, poden estar ao servizo dos homes. Quizais non elas persoalmente ou directamente, pero si as mulleres, moitas mulleres. Se se regula a prostitución, educar na igualdade nas nosas cidades vai ser imposible.
Por iso compartimos e defendemos claramente a ambiciosa postura do movemento abolicionista que busca ir á raíz dun problema que afecta os dereitos humanos. Dereitos que en tanto que esenciais están fóra de discusión: os de toda persoa a non ser abusada nin utilizada sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio de ningunha compensación económica. Por iso é polo que o foco debamos dirixilo ás persoas que demandan, a clientela, os prostituidores. Porque sen demanda, a oferta desaparece.
Estamos inmersos non só nunha loita económica, senón tamén nunha loita ideolóxica, de valores e nunha loita por construír outra subxectividade e outra conciencia social. Se queremos construír realmente unha sociedade en igualdade habemos de centrar as medidas na erradicación da demanda, a través da denuncia, persecución e penalización do prostituidor (cliente) e do proxeneta: Suecia penaliza aos homes que compran a mulleres ou nenos con fins de comercio sexual, con penas de cárcere de ata 6 meses ou multa, porque tipifica este delito como «violencia remunerada». En ningún caso diríxese contra as mulleres prostituídas, nin pretende a súa penalización ou sanción porque a prostitución é considerada como un aspecto da violencia masculina contra mulleres, nenas e nenos.
Cambiar o destino das mulleres e homes que están na prostitución pasa por expor un sistema económico xusto e sustentable que incorpore en igualdade a ambos os sexos. Cambiar o seu destino pasa por perseguir ás mafias e non favorecer a súa instalación no noso país con leis permisivas e con modelos económicos baseados no ladrillo ou en “ Eurovegas” nas nosas cidades. Cambiar o seu destino pasa por transformar a mentalidade deses homes, non só con multas que lles quiten as ganas senón cunha educación que obrigue aos medios para cambiar a imaxe da muller como obxecto sexual e aos homes a corresponsabilizarse emocional e vitalmente. Cambiar o seu destino pasa porque os dereitos das mulleres deixen de ser dereitos de segunda e pasen a formar parte de verdade dos dereitos humanos.
Dise que a prostitución sempre existiu, din. Tamén as guerras, a tortura, a escravitude infantil, a morte de miles de persoas por fame. Pero isto non é proba de lexitimidade nin validez. Temos o deber de imaxinar un mundo sen prostitución, o mesmo que aprendemos a imaxinar un mundo sen escravitude, sen apartheid, sen violencia de xénero, sen infanticidio nin mutilación de órganos xenitais femininos. Só así poderemos manter unha coherencia entre os nosos discursos de igualdade na sociedade e na educación e as prácticas reais que mantemos e fomentamos.
Por iso o noso municipio debe implicarse activamente, hoxe máis que nunca, nesta loita pola igualdade de homes e mulleres apostando pola abolición da prostitución empezando este compromiso por unirnos á rede de cidades libres do tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución
Por todo o anteriormente exposto, proponse ao Pleno do Concello de Mos que adopte os seguintes acordos:
✔️ O noso Concello adherirase á rede de cidades libres do tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución.
✔️ O noso Concello deseñará unha campaña periódica para sensibilizar e convencer á poboación de que a prostitución é igual a violencia de xénero e explotación sexual das mulleres, visibilizando ao denominado eufemísticamente «cliente», sempre no anonimato e xustificado socialmente, buscando deslexitimar social e publicamente aos prostituidores, protagonistas, actores responsables e cómplices activos nesta forma de violencia de xénero.
✔️ O noso Concello esixirá ao Goberno Central e á nosa Comunidade Autónoma que se aplique realmente a lei, perseguindo o tráfico de mulleres e persoas, e aos proxenetas que están a campar polos seus foros nos clubs e bordeis de estrada que todo o mundo coñece.
✔️ En colaboración coa Administración Central e Galega o noso Concello centrará a acción na erradicación da demanda, a través da denuncia, persecución e penalización do prostituidor (cliente) e do proxeneta, esixindo ao Goberno Central que estableza de forma urxente unha normativa que penalice, como en Suecia, aos homes que compran a mulleres con fins de comercio sexual, con penas de cárcere de ata 6 meses e multa.
✔️ O noso Concello, seguindo o exemplo da normativa sueca, en ningún caso dirixirá a súa acción contra as mulleres prostituídas, nin pretenderá a súa penalización ou sanción, senón que, en colaboración coa Administración Central e Autonómica, proverá de fondos para servizos sociais integrais que sexan dirixidos a calquera prostituta que desexe deixar esa ocupación axudando ás mulleres que abandonen a prostitución.
✔️ O noso Concello apostará tamén por unha intervención preventiva das causas fronte á represora das consecuencias, esixindo ao goberno e ás administracións centrais e autonómicas erradicar a precariedade do mercado laboral e as condicións de explotación que nel vívense, que provocan o que a prostitución sexa ás veces a única alternativa para poder pagar as débedas ou manter á familia. No canto de beneficiarse dos impostos recadados da industria do sexo, esixiremos ao goberno que embargue os bens da “industria do sexo” e investilos no futuro das mulleres que están na prostitución proporcionando recursos económicos e alternativas reais.
✔️ O noso Concello instará o Goberno Central e Galego para que estableza normativa que impida que os medios de comunicación, tanto impresos como audiovisuais, se lucren coa explotación sexual das mulleres ofertando servizos sexuais en anuncios ou publicidade, que supoñen unha forma de colaborar coa prostitución que controlan proxenetas e mafias e unha forma de colaborar con violencia contra as mulleres.
✔️Dar traslado da presente Moción ao Goberno Central, ao Goberno da Xunta de Galicia e aos Grupos Parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Senado
En Mos a 1 de febreiro de 2019