CÓDIGO ÉTICO

Os membros electos da candidatura cidadá, comprometeranse a cumprir unhas normas e un código ético que teña o firme compromiso de devolver a capacidade de decisión á cidadanía, así como de facer da política municipal un exemplo de honestidade, transparencia e xestión do público, a favor dos cidadáns.

A opacidade nas contas públicas, a duplicidade de salarios, a percepción abusiva de axudas, complementos, gratificacións e regalías de todo tipo, provocaron unha débeda colosal nas arcas municipais.

Como persoas integrantes da candidatura cidadá, comprometémonos a:

  1. Defender a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos nos ámbitos de aplicación das nosas competencias.
  2. Promover a participación da cidadanía en igualdade de circunstancias e oportunidades para todos, independentemente da ideoloxía de cada persoa. Así como impulsar a soberanía popular e democrática, sendo plenamente conscientes de que mentres o conxunto da poboación non coñeza a problemática municipal e social e non se implique de forma directa na resolución dos problemas, nada se poderá realizar polo ben común.
  3. Loitar contra o racismo, xenofobia, machismo e exclusión por orientación de sexo. Así mesmo impulsar a participación da muller en todas as ordes da vida política e xestión municipal.
  4. Debater con honestidade as opinións tratando de buscar un consenso entre os diferentes pareceres.
  5. Esixir a elección dos/das candidatos/as sempre mediante un proceso de primarias abertas á cidadanía, con listas abertas, só corrixibles por criterios de xénero.
  6. Rexeitar o transfuguismo e evitar que ningunha persoa ocupe cargo ningún se non foi avalado por un proceso de primarias.
  7. Eliminar da municipalidade os cargos de confianza e gabinete, que foron a porta que deu acceso aos amiguismos e nepotismo en todos os municipios.
  8. Eliminar dos presupostos as partidas dedicadas a partidos políticos. Así mesmo impedir que os partidos políticos teñan nas instalacións municipais despachos propios con empregados/as nomeados/as por eles e pagados por todos/as.
  9. Esixir que calquera pacto previo ou posterior a unhas eleccións con outras forzas políticas, sexa referendado por consulta á cidadanía.
  10. Impedir que esta candidatura cidadá se financie de bancos, empresas ou outras institucións que poidan ir contra os principios máis elementais da ética.

Tendo en conta que a política caeu en mans de persoas que se serviron dela para o enriquecemento persoal; tendo en conta así mesmo que unha das causas de deterioro económico do noso concello débese á corrupción institucionalizada. Sabendo que ata o S. XX chegábase á política dende a riqueza e hoxe chégase á riqueza dende a política, consideramos necesario que todos os membros desta candidatura cidadá acepten unha serie de normas que impidan que os cargos electos sirvan a intereses espurios:

  1. a) A remuneración salarial dos cargos establecerase segundo o posto que desempeñen, valorando a súa formación e tendo en conta si a dedicación é a tempo parcial ou total.
  2. b) Todos os cargos electos realizarán unha declaración notarial dos bens que posúen ao inicio e ao final do desempeño do seu cargo. Así mesmo comprométense á transparencia e rendición de contas ao principio e final do seu mandato.
  3. c) Todo cargo electo se compromete a renunciar a traballar durante os seguintes 24 meses, en calquera empresa que tivera concesións por parte da municipalidade ou intereses cruzados con esta.
  4. d) Así mesmo todo cargo electo desta candidatura comprométese a entregar a súa acta de concelleiro/a en caso de deixar a formación.
  5. e) Se algún membro do equipo de goberno resultara procesado ou condenado por faltas e delitos de corrupción, económicos, acoso sexual, violencia de xénero, pederastia, maltrato infantil, delitos contra os traballadores, ecolóxicos e urbanísticos.
  6. f) Non se realizará ningunha contratación pública por parte dun cargo desta organización en caso de que algún dos seus familiares ou o mesmo cargo, tivese intereses na empresa obxecto da contrata.
  7. g) A limitación de mandatos será de dous.
  8. h) O/a candidato/a electo/a, tras abandonar o seu cargo, non poderá percibir ningún tipo de axuda proveniente da administración e específica para políticos que perden ese cargo. É dicir se a persoa non posuíse un traballo, ha de limitarse á percepción das axudas públicas, como calquera cidadán.
  9. i) Co obxectivo de suprimir privilexios, o cargo electo, ha de percibir un só salario, eliminando axudas e outras regalías impropias das persoas que xa cobran pola función que desempeñan e entre cuxas obrigas están a asistencia a plenos e comisións. Cousa ben diferente é cando esa persoa realiza un desprazamento que supoña custos económicos ou tempo extraordinario, en cuxo caso é necesaria a xustificación deses custos. En todo caso percibiranse as indemnizacións por razón de servizo que correspondan por lei.
  10. j) As actuais axudas son totalmente abusivas e desproporcionadas e serán revisadas á baixa de modo que as percepcións pola asistencia a un pleno ou a comisións, só serán percibidas polos concelleiros/as que non teñan dedicación exclusiva, e serán dunha contía do 50% do percibido na actualidade. Así mesmo, se a persoa non asistiu á comisión de traballo e se limita a asinar para cobrar, non percibirá esa remuneración.
  11. k) Os cargos públicos desta candidatura, comprométense no exercicio das súas funcións a escoitar á cidadanía e prestarlle especial atención ás persoas en risco de exclusión social.
  12. l) Comprométense así mesmo as persoas desta candidatura a crear e facilitar nas áreas de traballo que teñan baixo a súa responsabilidade un clima e unha cultura administrativa de transparencia, rendición de contas e portas abertas á cidadanía, rexeitando comportamentos autoritarios e non democráticos.
  13. ll) O único salario que percibirá o alcalde/alcaldesa será de 2.800 € netos mensuais en 14 pagas, e os concelleiros/as cobrarán un 15% menos que o alcalde/alcaldesa, sen percibir remuneración algunha por asistencia a plenos nin comisións, a excepción dos concelleiros/as con dedicación parcial.
  14. m) Non se permitirá a existencia de cargos de confianza ou persoal de gabinete da alcaldía (non electos). Estas labores serán desempeñadas polo propio alcalde/alcaldesa apoiado polo persoal do concello.