COMPROMISO ÉTICO CANDIDATURA

GañaMos, Asamblea Veciñal, nacido como movemento cidadá coa finalidade de producir un renacemento ético, político, económico e cultural, necesariamente superador dun sistema de xestión dos partidos  corrompidos -en canto obedientes e dependentes do poder económico- recolle o presente código de prácticas e accións que as persoas que ocupen cargos electos cumprirán para asegurar unha xestión comprometida coa cidadanía, asumindo os mecanismos eficaces que no seu momento sexan aprobados pola asamblea veciñal (GAÑAMOS) para garantir a calidade democrática e a transparencia na acción política.

A representación política de GañaMos Asamblea Veciñal mediante o exercizo de cargo público, supón tamén o compromiso de impulsar os mecanismos para que estes principios éticos se convertan en norma habitual de funcionamento na administración local, e a remover os obstáculos que os dificulten.

As persoas que ocupen ou aspiran a cargos electos asumen os seguintes compromisos:

Para candidatarse:

1.- O procedemento é mediante primarias abertas, seguindo o protocolo que se aprobe pola Asemblea de GañaMos Asamblea Veciñal. O feito de candidatarse implica a sinatura do Manifesto da GañaMos Asamblea Veciñal, do Programa Electoral e deste documento.

2.- A renuncia ao transfuguismo político, asumindo a revogación do cargo nese caso, e a expulsión de GañaMos Asamblea Veciñal, e polo tanto, de tódolos grupos de traballo, de representación ou de decisión.

Na representación política

3.- Á defensa do establecido tanto no Programa como no Manifesto de GañaMos Asamblea Veciñal, e a asumir políticamente as decisións tomadas democráticamente nos órganos abertos á cidadanía. Así como ao impulso, promoción e apoio de todas aquelas iniciativas cidadás que se propoñan e teñan como obxectivos os definidos no Programa.

4.- A facilitar unha declaración de tódolos ingresos, bens e rendementos patrimoniais antes da toma de posesión da condición de representante político, cada ano durante o exercicio do cargo, e finalmente ao remate do mesmo. E, en calquera caso, cando así se lle requira por GañaMos Asamblea Veciñal, de todos aqueles datos necesarios para a detección de posíbeis conflitos de intereses e que faciliten o desenvolvemento de auditorías cidadás.

5.- A fiscalización da actividade de representación supón a aceptación dos mecanismos que GañaMos Asamblea Veciñal estableza para a o control, seguimento e avaliación cidadá da xestión, asumindo a revogación do cargo derivada do incumprimento dos compromisos co Programa. Polo tanto, a render conta da xestión como cargo público ante os órganos oportunos de GañaMos Asamblea Veciñal e no seu caso da coordinadora do grupo municipal, ou calquera outro que se estableza.

6.- Calquera pacto ou acordo posterior as eleccións, ben sexa na busca de acordos externos ou internos, con outros grupos, colectivos, plataformas cidadás… sexa no exercizo de accións de goberno ou de oposición, require a aprobación do órgano de GañaMos Asamblea Veciñal que se estableza. En calquera caso, e en relación cos movementos cidadás doutros concellos, se manterán relacións éticas, cooperativas e colaborativas na busca conxunta do ben común.

7.- Á publicación das súas axendas, facendo visíbel con quen se reúne, que asuntos se tratan, así como as ordes do día e as actas desas reunións.

8.- Á aceptación do límite de percepcións que GañaMos Asamblea Veciñal estableza, así como a renuncia e a recibir agasallos ou calquera outro privilexio que lle podan ofrecer pola súa condición de cargo público.

9.- Á aceptación do límite de mandatos establecido en dúas lexislaturas consecutivas. Excepcionalmente pódese ampliar a unha máis, sempre que se faga dende unha posición fortemente argumentada, debatida e aprobada polos órganos de GañaMos Asamblea Veciñal que corresponda.

10.- A non ter relación profesional ou laboral de ningún tipo e durante o prazo que se estableza por GañaMos Asamblea Veciñal, con persoas físicas ou xurídicas ou vinculadas con elas, que tiveran relacións contractuais co concello no momento da toma de posesión, ou coas que se asinen posteriormente durante a vixencia do mandato.