PROGRAMA POLÍTICO (2015)

 Un grupo de veciños e veciñas de Mos, cansos de que este concello non se desenvolva con harmonía entre a vida saudable e o desenvolvemento económico, decidimos afrontar un novo modelo de goberno. Así, fómonos xuntando con moita xente do común, e elaboramos este PROGRAMA que che presentamos, para dar solución ás necesidades que sentimos os mosenses cada día.

 Será un programa continuamente aberto á participación dos cidadáns a través de asembleas, consellos e outras formas de participación. Isto permitirá crear novas iniciativas a favor da maioría e, deste xeito, conseguir un Concello onde a mellora da calidade de vida sexa unha realidade.

URBANISMO, INFRAESTRUTURAS, PATRIMONIO MUNICIPAL E TRANSPORTE:

– Contestación obrigatoria ás alegacións en relación ao Plan Urbanístico (PXOM) coa fin de sometelo a nova exposición pública, xa que se introduciron modificacións substanciais no planeamento aprobado inicialmente. Todo isto sen prexuízo da súa necesaria revisión.

– Corrixir o PXOM, no senso de evitar o estrangulamento e diminución das dimensións dos núcleos rurais preexistentes, respectando a súa estrutura parcelaria histórica.

– Reducir no PXOM as zonas industriais aos polígonos consolidados (monte Faquiña, Arrufana e Veigadaña) e dotalos de servizos, sobre todo saneamento e abastecemento. Eliminar o solo industrial en zonas de uso residencial.

– Suprimir o vial de nova creación previsto no PXOM (SX-INF-01) pois, ademais de non unir Sanguiñeda con Puxeiros (tal como está trazado), presenta unha importante inviabilidade técnica e pendentes semellantes ás da autovía A-55. Ademais, ten previsto un custe inasumible de 9.484.323,67€, que se financiaría, en boa parte, aumentando o importe do Imposto de Ben Inmobles (IBI), entre outros.

– Dotar de servizos básicos aos núcleos de poboación. Completar a rede de saneamento e abastecemento municipal.

– Activar dentro do PXOM unha política de infraestruturas eficiente e eficaz, así como recuperar e protexer o patrimonio público.

– Garantir que as vías públicas de nova apertura atendan a criterios obxectivos dentro do PXOM, sexan de interese público e teñan un ancho mínimo de 16 metros en solo urbano consolidado e en solo urbanizable. Os dos viais xa aperturados en zonas non consolidadas pola edificación deberán acadar un ancho mínimo de 8 metros e os principais deberán contar coa pertinente beirarrúa

– Reclamar ao Ministerio de Fomento a construción dun túnel para o novo trazado da autovía Vigo-Porriño ao seu paso por Mos, minimizando os prexuízos e afeccións para os veciños, así coma o impacto ambiental. Asimesmo, esixir as pertinentes reformas coa fin de aumentar as medidas de seguridade nos accesos da zona das Rans, Coruxeira e San Eleuterio, na parroquia de Tameiga.

-Esixir a Fomento un plan de mellora real da N-550 ao seu paso por Louredo, Mos e Amieirolongo, rebaixando paulatinamente a capa de rodaxe ao nivel das vivendas.

– Reclamar as medidas para reducir o impacto acústico e a reforma dos accesos subterráneos no trazado da actual autovía A-55.

– Desenvolver as zonas urbanas de Puxeiros e Sanguiñeda.

– Crear lugares de esparcemento (prazas, parques, paseos, xardíns, sendeiros, arboredos, …) e espazos deportivos e mellorar os xa existentes.

– Apostar pola creación da Área Metropolitana, coa fin de dar unha solución eficiente e eficaz as necesidades dos veciños e veciñas de Mos, no que respecta aos servizos de recollida de lixo, transporte público, etc.

– Recuperar o proxecto (aparcado polo Partido Popular) de construír vivendas de Protección Autonómica, coa fin de facilitar o acceso á vivenda ás persoas con menos recursos

– Acometer a mellora e humanización, de maneira progresiva, das seguintes estradas: a vía do tranvía (no tramo comprendido entre As Rans e Peinador), o tramo restante da estrada de Tameiga a Pereiras (no tramo que vai dende a Urbanización de San Eleuterio ata A Candosa), e a estrada de Puxeiros a Mos.

– Garantir un correcto funcionamento do Departamento de Disciplina e Xestión Urbanística do Concello, dotándoo de persoal funcionario e recursos materiais, coa fin de que os expedientes administrativos se tramiten de xeito áxil, atendendo ao principio de legalidade, evitando a súa pérdida, paralización ou demora.

– Mellorar o transporte público de modo que chegue a todas as parroquias.

EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL:

– Obter características definidas do perfil dos desempregados do Concello e realizar un inventario dos sectores produtivos e das súas necesidades laborais para canalizar as accións de emprego.

– Apoiar o Plan Integral de Emprego en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos.

– Potenciar os Obradoiros e Talleres de Emprego como auténticos centros de formación, en colaboración con outras institucións.

– Levar adiante accións formativas para desempregados atendendo á demanda do mercado laboral.

– Creación de Viveiros de empresa para emprendedores en instalacións municipais coa fin de fomentar o autoemprego e, posteriormente, a contratación.

– Optar a novos plans de formación ofertados pola Unión Europea.

– Desvincular a Axencia de Colocación e Emprego da dirección política

 

MOCEDADE:

– Promoción de valores éticos, e conductas responsables: realizar charlas de concienciación sobre o consumo de alcohol, drogodependencias e sexo responsable, e fomentar o voluntariado e as actividades de axuda á comunidade.

– Posta en marcha do Consello da Xuventude, en colaboración co instituto de Mos, para recoller as inquedanzas das mozas e mozos e fomentar o asociacionismo.

– Reestruturar a OMIX poñendo os recursos necesarios para a creación dun espazo participativo para que a mocidade desenvolva as súas actividades con comodidade.

CULTURA:

– Reducir os custes innecesarios de certos eventos festivos (Festa da Rosa,…) para reinvestilos noutras celebracións culturais que funcionan realmente como un referente turístico e identitario do noso Concello, e nun auténtico desenvolvemento cultural.

– Crear un circuíto cultural para que os centros culturais sexan o eixo da política cultural do Concello.

– Fomentar o intercambio cultural entre parroquias, promovendo actividades de colaboración entre distintas asociacións (analizando compatibilidades, recursos e necesidades). Evitar que as actividades programadas se solapen.

– Aumentar a dotación orzamentaria do Convenio Cultural e abrilo a novos estilos musicais e a outras manifestacións artísticas e culturais, carentes de axudas e non promocionadas.

– Mellorar o Camiño de Santiago, procurando que o seu percorrido transcorra por camiños sen asfaltar. Reforzar a súa sinalización, e a doutros atractivos turísticos próximos a este. Conectalo con outros camiños peonís do Concello.

– Asinar acordos coas comisións de festas patronais para incluír na súa programación a música composta e interpretada por grupos galegos e locais. Facilitar a contratación destes músicos, formados en asociacións e bandas de música, coa fin de facilitar o seu acceso ao público.

– Promover convenios entre as comunidades de montes, universidades e outras entidades educativas para planificar, cun asesoramento especializado, diversos proxectos de interese común.

– Adquirir paulatinamente as parcelas do castro de Torroso para que este pase a ser propiedade municipal. Este ten que ser o primeiro paso ineludible para continuar cun proxecto máis ambicioso destinado á conservación e posta en valor do xacemento arqueolóxico máis recoñecido do Concello.

– Promocionar aos novos creadores artísticos, mediante certames de pintura, fotografía, música,… e crear un espazo para a arte urbana, así coma unha base de datos con toda a oferta cultural, deportiva e de ocio, accesible a tódolos cidadáns.

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

– Dotar a tódolos organismos municipais da documentación administrativa necesaria para poder realizar os diferentes trámites no idioma galego.

– Chegar a acordos coa prensa e outros medios de comunicación para que as notas de prensa e comunicados municipais se publiquen no idioma orixinal.

– Revisar e corrixir a toponimia do Concello.

DEPORTE E ACTIVIDADE FÍSICA:

– Mellorar as instalacións dos centros deportivos municipais e dotalas do equipamento necesario.

– Implementar programas de actividades deportivas que dinamicen as instalacións públicas, e organizar outras actividades naquelas instalacións e espazos en desuso.

– Fomentar os acordos cos clubs deportivos, colexios e urbanizacións para o acceso e práctica do deporte nas súas instalacións. Crear un ente colaborador entre tódalas organizacións que teñan que ver coa actividade deportiva, para optimizar e ofrecer a maior oferta posible no municipio.

– Fomentar a creación de circuítos cardiovasculares no noso municipio.

MEDIO AMBIENTE, PATRIMONIO HISTÓRICO E TURISMO:

– Colaborar con tódalas entidades que traballan pola declaración da serra do Galiñeiro como Parque Natural e apoiar tódalas iniciativas destinadas a conseguir esta declaración. Isto atraerá o turismo de calidade e o desenvolvemento económico sostible desta zona.

– Crear sendas, camiños peonís e itinerarios etnográficos destinados á recuperación da cultura popular. Revalorizar e mellorar os xa existentes colaborando cos seus promotores: Sendeiro Histórico da parroquia de Mos (PRG-67) e Sendeiro das Greas (GR-58). Os itinerarios propostos para novos sendeiros serían os seguintes:

-Serra do Galleiro. Gravados rupestres de Louredo.

-Itinerario intermunicipal Mos – O Porriño.

-Reforzar o PR-G 67 – Sendeiro Histórico da Parroquia de Mos.

-Revalorizar e dar contido á ruta dos muíños en Pereiras.

-Reforzar o GR-58 nos tramos de Erville-Puxeiros e Mos-Pazos de Borbén.

-Iniciar os trámites cos demais concellos e organismos supra municipais para crear un sendeiro que vai dende Vigo á Franqueira.

– Protexer e limpar o leito e as marxes dos ríos municipais, en especial o río Louro; fomentar e ampliar o seu paseo e evitar a súa canalización.

– Elaborar un plan de protección, sinalización e conservación do patrimonio arqueolóxico (castros, mámoas, petróglifos,…).

– Implantar contedores e recipientes de recollida selectiva do lixo, e potenciar o uso do punto limpo.

– Colaborar coas Comunidades de Montes para conservar e por en valor o espazo forestal da súa titularidade ou competencia.

– Identificar e sancionar as infraccións medioambientais (vertidos incontrolados, entulleiras,…), coa fin de manter limpo e poñer en valor o medio ambiente natural.

– Realizar campañas de concienciación ambiental, dirixidas a todos os sectores da sociedade e concretamente aos máis novos, coa colaboración dos centros de ensino, coa fin de crear unha conciencia e actitudes ecolóxicas.

– Inventariar, recuperar e por en valor as fontes públicas.

SERVIZOS SOCIAIS:

– Potenciación e apoio ao departamento de Servizos Sociais do Concello coa fin de garantir a prestación de servizos básicos a aquelas persoas en risco de exclusión social.

– Creación dun centro de día público adicado á atención de persoas maiores e dependentes.

– Eliminación de barreiras arquitectónicas en espazos públicos.

– Elaborar un plan de colaboración para a prestación de servizos sociais coas distintas entidades asociativas existentes no Concello.

– Activar políticas educativas de prevención da violencia de xénero.

– Creación dun banco de alimentos e dun roupeiro social.

SANIDADE:

– Realizar ante o SERGAS as xestións pertinentes que permitan renovar o estado e o mobiliario deteriorado do Centro de Saúde (pintura exterior e interior, cortinas interiores, cadeiras,…) e reclamar para a Atención Primaria de Mos o Servizo de Fisioterapia.

– Xestionar con outras institucións e empresas de transporte un medio de transporte público dende todas as parroquias para que xente poida acceder ao Centro.

DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO:

– Analizar e dar transparencia ás contas e ós compromisos contractuais do Concello.

– Limitar o número de cargos políticos municipais con adicación exclusiva a un máximo de tres e, co conseguinte aforro, potenciar os servizos sociais e deemprego.

– Revisar as fontes de recadación pública do Concello coa fin de optimizar os

ingresos.

– Elaborar un plan de gasto corrente do Concello para proxectar un plan de

aforro e eficiencia da xestión pública.

– Exposición pública anual do estado das contas, proxectos e actuacións máis relevantes do Concello.

– Fomentar a contratación pública con aquelas empresas que respecten a normativa laboral e de prevención de riscos, e non subcontraten máis do 20% da mesma.

– Garantir a contratación públicas a través de concurso aberto e público.

VÍAS E OBRAS:

– Prescindir da contratación externa para a realización das obras públicas, sempre que sexa posible o emprego do persoal municipal.

– Corrixir as deficiencias nas estradas que afecten á seguridade vial.

– Instalar sistemas de iluminación pública de baixo consumo, que permitan o aforro enerxético.

– Potenciar a creación do carril bici.