Mocións
Moción contra a opacidade na contratación municipal e para reducir a precaridade laboral
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Visto o Plan de Obras e Servizos (Plan de Concellos) 2017, mediante o cal a Deputación de Pontevedra coopera economicamente cos concellos para axudar ao seu desenvolvemento, no que se inclúe unha dotación para a contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos dentro das competencias municipais, o Grupo Municipal GañaMos considera prioritario establecer as bases necesarias dentro do seo deste Concello para garantir o seu óptimo desenvolvemento.
Dentro das bases do propio plan se establecen unha serie de criterios a ter en conta e indicacións á hora de levar a cabo a contratación de persoal a través do mesmo que, ben por falta de concreción, ou ben pola lóxica de “non inxerencia” no funcionamento dos propios concellos, nós consideramos insuficiente. Isto lévanos ao motivo da presentación desta moción, que non é outro que a mellora do propio desenvolvemento do Plan co obxectivo de obter a máxima eficacia do mesmo, entendendo que esta reside na mellora das condicións de vida da nosa veciñanza, e sendo este plan unha pequena oportunidade para elo.
Co fin de garantir a igualdade de oportunidades para as persoas que poden ser beneficiarias deste Plan, a máxima transparencia que debe operar dentro desta institución, e o cumprimento da lexislación laboral vixente no noso Concello, propoñemos o seguinte
ACORDOS:
1.- As persoas que se contraten dentro do marco do Plan Concellos, para este ano e os seguintes, deberán percibir o salario correspondente a categoría laboral do posto a exercer, debendo ser este o contido no convenio colectivo de aplicación, isto é, no convenio do Concello de Mos ou, de non existir esta categoría no mesmo, o convenio colectivo publicado que mais se axuste a actividade e sempre o mais beneficioso para o/a traballador/a.
2.- Os postos requiridos polo Concello de Mos no marco do Plan serán expostos publicamente con todo detalle sobre as valoracións que se farán para a selección de persoal ao menos 7 días antes da comunicación ao INEM e a través dos medios de maior difusión no ámbito do Concello de Mos (anuncio en periódico, muppis, etc…).
3.- Incluír, alén dos criterios que figuran xa no propio plan, o criterio de antigüidade como inscrita/o como demandante de emprego, ordenando de maior a menor segundo esa antigüidade as persoas resultantes da procura no INEM, sendo as de maior antigüidade as primeiras da lista á hora de facer a selección.
4.- A información do desenvolvemento do proceso de selección de persoal dentro do marco do Plan, contará coa máxima obxectividade e transparencia, sendo pública en todo momento do proceso e de total acceso para toda a corporación municipal, así como a valoración previa sobre as necesidades de postos a cubrir, contando sempre con todos os Grupos Municipais á hora da toma de decisión sobre ditos postos.
Grupo municipal GañaMos
Mos, a 29 de xaneiro de 2017